Luisa Sánchez participa nos actos organizados en Vigo co gallo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea

20/09/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acompañada do deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participou esta mañá en Vialia (Vigo) nos actos organizados pola Irmandade de Doantes de Sangue de Vigo e ADROVI co gallo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea que se conmemora o 21 de setembro. A vicepresidenta lembrou que a institución provincial colabora coa organización do acto e salientou que “este goberno provincial ten a man tendida ao asociacionismo da provincia, e moito máis no caso das entidades sociais que prestan atención e visibilizan a loita dos colectivos máis vulnerables”.

Luisa Sánchez sumouse aos agradecementos aos doantes e lembrou que a doazón de medula ósea é “un pequeno xesto que significa unha vida enteira”, xa que o transplante permite que os enfermos de leucemia e outras enfermidades do sangue poidan superar a doenza. “En España temos medio millón de doantes, cinco veces máis que fai 10 anos, pero temos que facer un chamamento a todas as persoas da provincia para que se informen e inscriban: somos un pobo solidario e non teño dúbida de que o conseguiremos”, valorou a vicepresidenta da Deputación.