A Deputación concentra no Pazo Provincial a 300 estudantes de Primaria que están a participar no programa DepoEmprende na Escola
Tralo paso do alumnado de secundaria e de Centros de Educación Especial, chegou a quenda dos rapaces de primaria, agrupados en 12 cooperativas nas que están a traballar desde dez centros escolares de nove concellos da provincia
04/12/2024
300 nenos e nenas de dez centros educativos de Educación Primaria da provincia que participan no programa DepoEmprende na Escola presentaron no Pazo provincial as 12 cooperativas nas que traballarán ao longo deste curso para desenvolver os seus proxectos colaborativos e fomentar así o emprendemento. Tralo paso do alumnado de secundaria e de Centros de Educación Especial pola sede do organismo provincial, chegou a quenda dos rapaces de primaria que pertencen a dez centros educativos de nove concellos da provincia e que ademais de recoller os NIF para operar nas súas cooperativas tamén tiveron a oportunidade de facer unha visita ao Museo de Pontevedra.
Ao abeiro de DepoEmprende na Escola, os centros participantes desenvolverán diferentes tipos de proxectos e parte das ganancias que consigan as cooperativas coa venda dos seus produtos irán destinadas a diferentes ONGs ou asociacións, como protectoras de animais ou de servizos sociais. En concreto, no acto celebrado no Salón de plenos recolleron o NIF o CEIP Plurilingüe de Conmeniño do Grove para a cooperativa “Ollarte”; o CEIP Coirón de Dena de Meaño para “Eco Pegada”; o CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados para “A Pita Cega Artesanía”; o CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia para “Los Pepinó” e “Los jefazos”; o Colexio Estudio de Nigrán para “Miña Terra Galega”; o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán de Tomiño para “Trouliñas”; o CEIp Plurlingüe de Tebra de Tomiño para “Fiando Agullas” e “Fíos Polinizadores”; o CEIP Plurlingüe Nº1 de Tui para “Ecotui”; o Colexio Andersen Augalonga de Vigo para “Kamaleo”, e o CEIP Plurilingüe de Caraballedo de Cerdedo-Cotobade para “As Cores de Carballedo 5.0”.
Esta recollida dos NIF chega despois do proceso de constitución das cooperativas, a etapa na que os alumnos crearon a imaxe corporativa dos seus proxectos, realizaron o estudo de mercado e tamén o prototipo de produto. A partir de agora, os centros educativos completarán o proceso de posta en marcha dun proxecto emprendedor coa procura de financiamento, a produción e fabricación do produto, a selección do prezo, o etiquetado, a preparación da venda para o mercado final que celebrará a Deputación e, para pechar o proxecto, o balance dos resultados.
O obxectivo de “DepoEmprende na Escola” é fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promovendo a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsando que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. O programa está dividido entre “DepoEmprende na Escola”, proxecto dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º e 6º curso) e de Educación Especial, “DepoEmprende na ESO” para mozas e mozos de 4º da ESO, e “DepoEmprende na FP” dirixido a centros que imparten Formación Profesional de Grado Medio ou Superior.