A Deputación convoca os Premios Demo Day para recoñecer as propostas emprendedoras do alumnado de FP da provincia
A convocatoria abre este mércores, 26 de febreiro, e está dirixida aos dez centros educativos de Gondomar, Lalín, Pontevedra e Vigo que participan este curso no proxecto DepoEmprende na FP
26/02/2025
A Deputación de Pontevedra convoca unha nova edición dos Premios Demo Day para os dez centros educativos de Gondomar, Lalín, Pontevedra e Vigo que están adheridos este curso ao programa DepoEmprende na FP. Con estes galardóns, a institución provincial pretende promover entre o alumnado de Formación Profesional de grao medio e superior a iniciativa emprendedora, tanto no ámbito empresarial como no autoemprego. Os premios contan cunha dotación económica de 1.900 euros e repartiranse en dúas categorías: 1.200 para o alumnado de grao superior, con dous premios de 700 e outro de 500 euros, e 700 para o de grao medio. No caso de que non se acade o número mínimo de proxectos de grao medio (establecido en tres), establecerase una única categoría con tres premios: un primeiro dotado con 900 euros, un segundo con 600 e un terceiro con 400 euros.
A convocatoria está dirixida aos dez centros educativos da provincia que participan no proxecto DepoEmprende na FP neste curso: o IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), o IES Laxeiro (Lalín), o CIFP A Xunqueira (Pontevedra); o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), o CIFP Montecelo (Pontevedra), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra), e os vigueses CIFP Manuel Antonio, Colexio Vivas, IES A Guía e IES Politécnico de Vigo. Estes centros teñen de prazo dez días hábiles contando desde este mércores, 26 de febreiro, para presentar un máximo de dous proxectos entre os desenvoltos no marco de DepoEmprende na FP.
A finalidade desta convocatoria é promover entre o alumnado a iniciativa emprendedora así como a actitude necesaria para asumir riscos e responsabilidades. A metodoloxía proposta baséase en que os mozos e as mozas participantes elaboren un proxecto empresarial relacionado coa familia profesional do ciclo formativo que cursen. Os proxectos seleccionados entrarán nun programa intensivo de apoio e asesoramento denominado “Aceleración de proxectos” e o proceso rematará no mes de marzo co acto dos Premios Demo Day, no que se realizará a presentación e a valoración dos proxectos co fin de determinar os premiados.
DepoEmprende na FP é unha das tres modalidades nas que se divide este programa para centros educativos da provincia, xunto a DepoEmprende na Escola e DepoEmprende na ESO. Con esta iniciativa a Deputación busca promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. A metodoloxía proposta baséase na elaboración e xestión de proxectos empresariais para que o alumnado asuma o risco de afrontar diferentes situacións laborais e, deste xeito, mellore a súa participación activa na vida económica, social e cultural do seu contorno.