Luis López pon de exemplo a obra de mellora da estrada entre Almofrei e A Xesteira como mostra do compromiso da Deputación coa rede de estradas provinciais
O presidente provincial, acompañado polos deputados Isabel Couselo e Jorge Cubela, percorreu un treito desta estrada na que a Deputación inviste máis de 665.000 euros
12/04/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a vocación municipalista do Goberno provincial e a importancia da colaboración entre institucións para mellorar as infraestruturas da provincia, coma a estrada provincial EP-0405 entre as localidades da Xesteira e Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, que está sendo obxecto dunha obra de ampliación e mellora da seguridade viaria nun treito de 1,5 quilómetros. “Este tipo de obras é unha desas iniciativas que lle dan sentido á acción de goberno da Deputación”, afirmou Luis López, facendo referencia ao cumprimento das responsabilidades do organismo provincial de garantir o bo estado e a seguridade viaria das estradas da súa titularidade, á mellora dos servizos para a veciñanza e á cooperación leal entre administracións.
A actuación, que é froito dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade, conta cun orzamento total de 950.000 euros, dos que o Goberno provincial achega o 70 %, arredor de 665.000 euros, mentres que o local asume o 30 % restante, uns 285.000 euros, e mais o custo total das expropiacións e cesión dos terreos, que rolda os 2.000 euros. Os traballos, que comezaron hai menos dun mes e deben estar rematados nun prazo de seis meses, consisten en anchear e mellorar a seguridade viaria dun treito de 1,5 quilómetros entre os núcleos da Xesteira e Almofrei. Para logralo, o proxecto contempla a ampliación do ancho da vía ata un mínimo de 7 metros e a implantación de beiravías e cunetas transitables, así como a creación de zonas de convivencia á altura de dous núcleos con casas coa instalación dunha plataforma sobreelevada de formigón coloreado. Do mesmo xeito, colocaranse elementos de calmado de tráfico, soterraranse as redes de pluviais e de iluminación, e haberá nova sinalización vertical e horizontal.
Neste sentido, cómpre lembrar que no último Pleno a Deputación aprobou o inicio do expediente de contratación para o servizo de mantemento e conservación das estradas municipais; un contrato que terá unha vixencia de cinco anos e un importe total de 38,9 millóns de euros. Deste xeito, o Goberno provincial cumpre coas súas competencias de manter as estradas da súa titularidade no mellor estado posible.
Acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial, Jorge Cubela, así como pola deputada responsable de Infraestruturas, Isabel Couselo, o presidente da Deputación fixo fincapé no carácter municipalista que comparten os gobernos local e provincial. Un apoio que se ve reflectido en convenios coma este ou noutro asinado a finais do ano pasado para mellorar a seguridade viaria entre Serrapio e A Portela, unha obra que está a piques de rematar.
Un municipalismo que tamén é notable en programas coma o +Provincia, que por primeira vez ten en conta as necesidades de concellos coma o de Cerdedo-Cotobade, por exemplo, no que atinxe ao reto demográfico para un repartimento de fondos máis xusto; na posta en marcha dun plan estratéxico para a xuventude que contribúa a fixar poboación nos núcleos rurais; ou na colaboración co tecido asociativo da provincia a través de iniciativas coma o Plan +Aqua para unha mellor xestión dos recursos hídricos ou o Plan provincia comunitaria, para potenciar as actividades dos colectivos veciñais. Neste sentido, Luis López deulle os parabéns o alcalde Jorge Cubela pola súa traxectoria e por compartir esa preocupación polo avance dos concellos. “O teu, como o noso, si que é municipalismo”, rematou o presidente.
Fondos europeos
Esta actuación conta cunha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) de 694.000 euros, polo que máis do 70 % desta será financiada con recursos de Europa. O importe restante asúmeo a institución provincial e o Concello de Cerdedo-Cotobade.