A deputada Isabel Couselo supervisa en Portas as obras na EP-8004 Caldas-Vilanoviña, nas que a institución provincial está a investir preto dun millón de euros

Na súa visita percorreu xunto co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, un tramo no que se están a executar as obras de renovación de firme e mellora da seguridade viaria

19/04/2024

Isabel Couselo en portas

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, acaba de visitar en Portas o estado de execución das obras na EP-8004 Caldas-Vilanoviña, nas que a institución provincial está a investir preto dun millón de euros. Na súa visita, percorreu xunto co alcalde da vila, Ricardo Martínez, un tramo no que se están a desenvolver as obras de renovación do firme e de mellora da seguridade viaria.

A actuación, financiada integramente pola Deputación de Pontevedra, está a permitir solucionar o mal estado do firme en todo o treito desta estrada provincial que pasa polos concellos de Caldas de Reis, Meis, Portas e Vilanova de Arousa. Deste xeito, as obras contemplan a reparación da estrada, mediante a execución de saneamento e fresado da capa de rodaxe existente. Ademais, estase a aplicar un tratamento superficial e a repoñer o firme existente mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente.

As obras na EP-8004 Caldas-Vilanoviña tamén contemplan a execución de pasos peonís sobreelevados e a reposición de sinalización horizontal e vertical, co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público e de mellorar a seguridade viaria.