A Deputación leva este domingo a Cerdedo-Cotobade a película “Salta!” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A proxección poderá verse no Centro Cultural Antonio Fraguas ás 18:30 horas

28/11/2024

O Centro Cultural Antonio Fraguas, en Cerdedo-Cotobade, acolle este domingo 1 de decembro unha proxección cinematográfica do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra coa finalidade de achegar as longametraxes e curtametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, que comezará ás 18:30 horas, exhibirase o filme “Salta!”, dirixido por Olga Osorio.

“Salta!”, ambientada en xullo de 1989, segue a historia de Óscar e Teo, dous irmáns de 13 e 10 anos moi diferentes entre si e que viven nun modesto piso de barrio. Mentres que Teo é futboleiro e un pouco fervellasverzas, Óscar é un sabichón que prefire pasar as tardes de verán estudando a teoría da relatividade. Os dous lidan á súa maneira coa desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de verme. A cinta obtivo nove candidaturas aos Premios Mestre Mateo.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de “Salta!”, tamén haberá proxeccións de “O Corno”, “Matria”, “Fatum”, “A viaxe de Lucy”, “Chichi e mais eu”, “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías” e “Os espazos en branco”, ademais de varias sesións de curtametraxes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.