A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias poñen en marcha o Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos para achegar a ciencia á sociedade
A primeira conferencia terá lugar este xoves no IES Illa de Tambo (Marín) a cargo de María José Carreira, profesora de Ciencias da Computación da Universidade de Santiago de Compostela, que afondará en “A intelixencia artificial nas nosas vidas”
09/04/2024
O Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias bota a andar este xoves, 11 de abril, no IES Illa de Tambo de Marín cunha conferencia sobre “A intelixencia artificial nas nosas vidas”, a cargo da profesora de Ciencias da Computación da Universidade de Santiago de Compostela María José Carreira. Esta conferencia será unha das cinco dirixidas aos centros educativos da provincia que se completarán con outras en formato de seminario web (das cales unha, que terá lugar o 18 de abril, será tamén presencial) abertas á cidadanía en xeral. O programa estenderase desde este mes ata decembro e permitirá achegar o coñecemento científico á sociedade.
A charla deste xoves no IES Illa de Tambo, impartida por María José Carreira, abordará a orixe do termo intelixencia artificial. A profesora de Ciencias da Computación intentará poñer en contexto a intelixencia artificial explorando diferentes actividades nas que está presente sen que se sospeite. Tamén amosará casos nos que a intelixencia artificial está sendo clave para resolver problemas, por exemplo, no ámbito da saúde, e presentará os seus aspectos positivos, reflexionando sobre a súa aplicación ética e responsable.
Tras esta primeira actividade no IES Illa de Tambo o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos continuará o 18 de abril con dúas conferencias dirixidas á cidadanía en xeral sobre “Cribado neonatal: onde estamos e cara onde imos” a cargo de M.ª Luz Couce, directora da Unidade de Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e “VIH: Situación actual, avances e retos actuais”, a cargo de Eva Póveda, científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
O ciclo continuará o 25 de abril coa conferencia “O benestar psicolóxico, o equilibrio emocional e o desempeño no traballo” impartida por Fernando Salgado, catedrático de Psicoloxía do Traballo. Xa en maio terán lugar tres conferencias: a primeira, o día 16, sobre “Os alimentos mariños son cruciais para a saúde do planeta e benestar da humanidade”, a cargo de Sebastián Villasante, doutor en Economía Aplicada; a segunda, o 23, sobre “Aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais”, impartida por Silvia García, integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo; e a terceira, o día 30, da man de Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía, que falará “De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta”.
En xuño, o día 6, rematarán as conferencias dirixidas á cidadanía en xeral con dúas charlas: “Os biomateriais no combate do cancro”, a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago de Compostela, e “Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro” a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.
Todas as charlas dirixidas á cidadanía en xeral serán ás 19:00 horas e en formato de seminario web agás a do vindeiro xoves, 18 de abril, que terá lugar en formato mixto: en liña e no salón de plenos do Pazo provincial da Deputación en Pontevedra.
Conferencias nos centros de ensino
O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos contempla tamén cinco charlas dirixidas ao alumnado dos centros de ensino da provincia que imparten ESO, bacharelato e ciclos formativos. Ademais da que acollerá este xoves o IES Illa de Tambo de Marín, terán lugar outras catro: “Ser ou non ser hacker e o dilema dos sombreiros”, a cargo de Manuel Caeiro, profesor titular de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo; “Medicamentos personalizados”, a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia; “Exoplanetas e a nova ciencia de Astrobioloxía”, a cargo de Minia Manteiga, catedrática de Astrofísica da Universidade da Coruña; e “O impacto das sustancias cotiás no noso material xenético”, a cargo de Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética na Universidade da Coruña.