A Deputación e a Real Academia Galega das Ciencias organizan este xoves unha conferencia sobre benestar psicolóxico e produtividade
A acción, que se desenvolverá de xeito telemático, está incluída no V Ciclo Aida Fernández Ríos e contará coa presenza do deputado provincial Jorge Cubela
24/04/2024
O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, continúa este xoves, ás 19 horas, cun seminario web sobre benestar psicolóxico e produtividade. O deputado provincial Jorge Cubela e o presidente da Real Academia Galega das Ciencias, Juan Manuel Lema, serán os encargados de abrir esta conferencia que leva por título "O benestar psicolóxico, o equilibrio emocional e o desempeño no traballo" e que será impartida por Fernando Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos e decano da Facultade de Relacións Laborais da Universidade de Santiago de Compostela.
Fernando Salgado describirá no faladoiro que é o benestar psicolóxico, os seus compoñentes e os resultados da investigación máis recente sobre as relacións entre este e os resultados organizativos. Neste sentido, as investigacións demostraron que se correlacionan cunha mellor saúde e unha maior lonxevidade, un menor consumo de alcohol, un maior nivel de exercicio e tamén mellores relacións interpersoais. Ademais, comprobouse que existen diferenzas nos niveis de benestar entre homes e mulleres, así como entre a mocidade e as persoas maiores.
Salgado tamén desenvolverá outra conclusión das investigacións, nas que se observou que os niveis nacionais de benestar psicolóxico se correlacionan cun maior PIB. No ámbito das empresas, canto maior é este tamén son maiores o nivel de desempeño, a implicación no traballo, os salarios e a satisfacción laboral. As persoas interesadas en asistir poden preinscribirse a través desta ligazón á plataforma Zoom.
O V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos continuará en maio con tres novas quendas: o día 16 terá lugar "Os alimentos mariños son cruciais para a saúde do planeta e benestar da humanidade", a cargo de Sebastián Villasante, doutor en Economía Aplicada; o xoves 23 terá lugar "Aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais", impartida por Silvia García, integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo; e o día 30 Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía, ofrecerá a conferencia "De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta". O 6 de xuño rematarán as conferencias con dúas charlas: "Os biomateriais no combate do cancro", a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago de Compostela, e "Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro", a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.