Luis López anuncia que a Deputación impulsará unha candidatura para albergar o Congreso Internacional da Camelia no 2031

O presidente provincial, xunto co deputado Javier Tourís, adianta como sedes do Congreso a provincia de Pontevedra e a cidade lusa de Lousada despois dunha reunión co presidente da Cámara de Lousada, Pedro Machado, na que comezaron a organizar un foro ibérico internacional sobre a camelia para o vindeiro ano 2026

13/03/2025

O presidente provincial, xunto co deputado Javier Tourís

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adianta a presentación da candidatura conxunta entre España e Portugal para organizar o Congreso Internacional da Camelia no ano 2031 na provincia de Pontevedra e na cidade portuguesa de Lousada. Unha decisión adoptada despois dun encontro de traballo entre o mandatario provincial e o presidente da Cámara de Lousada, Pedro Machado, que serviu tamén para comezar a deseñar o proxecto para a organización dun foro internacional ibérico sobre a camelia o vindeiro ano 2026. Plans xurdidos no marco dos actos do no marco dos actos de celebración do Congreso Internacional da Camelia que se está a celebrar en Tokio e no que participa unha delegación do ente provincial encabezada polo presidente Luis López, xunto co deputado encargado de Finca Areeiro, Javier Tourís.

Un evento bianual que este ano se celebra na capital nipona, no 2027 terá lugar nos estados de Alabama e Louisiana, en Estados Unidos; e China será o país anfitrión no ano 2029. Trátase dun congreso no que se dan cita durante máis dunha semana representantes de países e organizacións de todo o mundo para poñer en común, a través de conferencias, mesas redondas, encontros e visitas a xardíns de excelencia, os últimos avances no cultivo e nas investigacións sobre esta árbore.

A longa tradición arredor da camelia que atesouran as Rías Baixas e a rexión norte de Portugal son a mellor carta de presentación para facerse coa organización deste congreso dentro de seis anos. Só na provincia de Pontevedra están rexistradas máis de 1.500 variedades de camelia e conta con diveros xardíns de excelencia internacional recoñecidos pola International Camelliae Society como a finca Areeiro, Castelo de Soutomaior ou o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía. Ademais, a provincia de Pontevedra a través dun centro de referencia como a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, está a vangarda na investigación e desenvolvemento de novos produtos a partir da camelia. É o caso do “Té Areeiro” do que a Deputación presentou neste congreso internacional o seu plan estratéxico para expandir a súa produción.

Por outro lado, a actividade institucional da Deputación neste Congreso Internacional da Camelia en Xapón continuará ata este venres. Unha semana na que, ademais de coñecer xardíns e laboratorios especializados nesta árbore, a delegación pontevedresa deu a coñecer os resultados dos seus proxectos de investigación centrados tanto nunha nova variedade de té como nun tratamento para buscar solucións ao fungo Ciborinia camelliae, que está a causar perdas en plantacións de todo o mundo.