A Deputación pecha os workshops de turismo celebrados en Málaga e Madrid cun exitoso balance: preto de 1.700 reunións para dar a coñecer as 100% experiencias Rías Baixas
Máis de 150 operadores de Málaga e Madrid acudiron á cita convocada pola Deputación para coñecer a oferta turística da provincia de Pontevedra
20/10/2024
A Deputación de Pontevedra pecha os workshops de turismo celebrados en Málaga e Madrid, o 16 e 17 de outubro respectivamente, cun exitoso balance: preto de 1.700 reunións para dar a coñecer as 100% experiencias Rías Baixas. En total participaron na cita convocada pola Deputación para dar a coñecer a oferta turística da provincia de Pontevedra máis de 150 operadores de Málaga e de Madrid. Pola súa banda, foron 29 as empresas da provincia que se desprazaron a ambas cidades para dar a coñecer a súa actividade, pechando 740 reunións en Málaga e 950 en Madrid.
En Málaga, as empresas da provincia de Pontevedra detectaron unha grande receptividade por parte das 63 entidades malagueñas asistentes ao workshop, moi interesadas nos atractivos turísticos do destino, nos valores que converten ás Rías Baixas nun espazo singular fronte a outros lugares, así como na oferta hoteleira da provincia. Pola súa banda, en Madrid detectouse un maior coñecemento do destino Rías Baixas entre as preto de 90 empresas participantes, con intereses máis concretos na oferta turística da provincia.
En liñas xerais, tanto en Málaga como en Madrid observouse interese en integrar a oferta enoturística nos paquetes que as empresas e entidades de ámbalas dúas cidades venden sobre o destino Rías Baixas. Tamén se detectou, entre outras cuestións, unha grande demanda das diferentes vías que atravesan a provincia de Pontevedra cara Santiago e sobre a oferta dos castelos, concretamente de Sobroso e Soutomaior, tanto para viaxes culturais como para acoller congresos ou eventos.
Participaron no workshop de Turismo Rías Baixas en Málaga e Madrid 29 empresas da provincia, integradas, ademais de polo Museo de Pontevedra e os Castelos de Sobroso e Soutomaior, por aloxamentos, entidades relacionadas coa enoloxía e gastronomía, institucións culturais, empresas de turismo náutico, axencias de viaxes ou, entre outras, experiencias turísticas. Todas elas remarcaron a importancia de iniciativas como esta promovida pola Deputación, para fomentar o networking , afianzar lazos de traballo e marcar liñas conxuntas para a promoción do destino Rías Baixas.