A Deputación convida a cidadanía a crear este venres na praza da Peregrina as súas versións de obras da exposición ‘A era das fábulas’ do Museo de Pontevedra

As persoas que se acheguen entre as 11:00 e as 13:00 h disporán de lenzos para amosar a súa creatividade a partir de cadros de Kandinsky, Manolo Moldes e Inês Zenha

28/08/2024

Arte na rúa con A Era das Fábulas

Este venres 30 de agosto a Deputación de Pontevedra saca a exposición  ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’ á rúa. Entre as 11:00 e as 13:00 h, as persoas que se acheguen á praza da Peregrina de Pontevedra poderán establecer un diálogo creativo con obras de Vasili Kandinky, Manuel Moldes e Inês Zenha presentes na exposición do Museo de Pontevedra. Trátase dunha actividade aberta a persoas de calquera idade para a que non é necesaria a inscrición previa.

Será a segunda vez que os lenzos saian á rúa para convidar a interactuar artisticamente coas obras desta exposición, que xunta ata o 29 de setembro as coleccións do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove (FMJJ) e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary. O pasado 24 de xullo realizouse unha primeira experiencia na praza de Curros Enríquez.

As persoas que se acheguen á praza da Peregrina disporán de lenzos con diferentes materiais de traballo (pinturas ao óleo, pasteis, rotuladores...) e a premisa de completar obras xa iniciadas, imaxinar novas cores para os cadros ou ben reproducilos libremente. As obras das que partirán as persoas participantes son ‘Home na terra’ (1987-1988), de Manuel Moldes; ‘Rampant’ (1934), de Vasili Kandinsky; e unha das pezas que forman o políptico ‘Entanglements I-VI (2003), de Inês Zenha. 

As pezas de ‘A era das fábulas’ establecen unha conversa desde a heteroxeneidade dos fondos das institucións implicadas para, a través da arte, resaltar a forza que a transmisión oral ten na cultura. Comisariada por Susana González, Chus Martínez e Ángeles Tilve, a exposición vira ao redor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade.

A plasticidade das fábulas e os contos permite preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectar coa natureza e estimular a imaxinación a través de animais, plantas e seres fantásticos, converténdoos en canalizadores de sabedoría. A arte, do mesmo xeito que estes, ofrece a versatilidade para ser reinterpretada e reimaxinada ao longo do tempo, brindando perspectivas sobre a natureza humana, animal e vexetal e respostas imaxinativas a desafíos contemporáneos.

Outras actividades relacionadas

Ata o 26 de setembro o Museo organiza cada xoves, ás 18:00 h, unha visita guiada á exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’. As visitas, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, son de balde e para asistir non é necesaria a inscrición previa. Ademais, é posible concertar visitas para grupos noutro horario escribindo a educacion.museo@depo.gal.

O 25 de setembro, na última semana antes do peche da exposición, celebrarase un seminario con conferencias e mesas redondas ao redor dun dos temas tratados en ‘A era dás fábulas’: a relixiosidade popular, os exvotos e outras ofrendas.