A vicepresidenta Luisa Sánchez participa no arranque do Mundial Xuvenil de 49er, 49er FX e Nacra que congregará na ría de Arousa a máis de 100 barcos de 24 países
16/07/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou esta tarde no arranque do Campionato Mundial Xuvenil de vela das clases 49er, 49er FX e Nacra no que están a participar máis de 100 barcos de 24 países de ata catro continentes. Sánchez deu a benvida á provincia en nome do goberno da Deputación aos máis de 300 participantes e acompañantes do Campionato e remarcou a importancia de eventos coma este no que "se dan cita estrelas da vela, moitas delas galegas, que probablemente van participar nos Xogos Olímpicos de 2028". Tamén subliñou que "probas como esta contribúen a situar a provincia de Pontevedra no mapa do deporte mundial, dinamizando a nosa economía" e recordou que este Mundial tradúcese nun retorno económico estimado de 1,2 millóns de euros.
Sánchez aproveitou a ocasión para convidar ao tecido deportivo provincial a "converter a esta provincia no gran estadio deportivo do mundo. Xuntos, estou segura, conseguiremos materializar este gran obxectivo". E desexou sorte aos participantes, especialmente aos galegos Jaime Wizner, Jacobo García, Stella Marís Enríquez e Claudia Sobral.