A vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez participa na presentación da Semana Internacional de Danza Urbana de Vigo
17/07/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de participar na presentación da Semana Internacional de Danza Urbana de Vigo, un evento “que encherá entre o 5 e o 10 de agosto as rúas da cidade de música, danza e diversión, achegando a cultura á cidadanía”. Sánchez remarcou o amplo programa do evento, que ademais da formación contempla actividades de ocio, gratuítas e abertas á veciñanza, unha batalla de hip hop ou o espectáculo musical da compañía profesional viguesa Grow as Ohana.
“Nós –remarcou a vicepresidenta- somos moi conscientes da estreita relación entre eventos nacionais e internacionais, de diferente índole, e a dinamización económica da nosa terra”. Ao respecto, subliñou que “virán ata aquí profesionais da danza do conxunto de España e diferentes países do mundo, a formarse e tamén a demostrar as súas destrezas pero, non me cabe dúbida, de que sairán namorados desta cidade e convertidos en auténticos embaixadores da provincia”. Por estes motivos, Sánchez incidiu en que a Deputación “está a traballar captando estes grandes eventos e tamén apoiando a entidades que os organizan, para seguir convertendo a provincia no gran escenario do mundo e para que siga sendo un exemplo de dinamismo, continúe medrando e, en definitiva, indo a máis”.