A vicepresidenta Luisa Sánchez participa na presentación do “Outono Lírico”, o programa de Amigos de la Ópera ao que a Deputación destina este ano 30.000 euros
18/07/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de participar na presentación do “Outono Lírico”, o programa de Amigos de la Ópera ao que a Deputación destina este ano 30.000 euros. “O noso obxectivo –remarcou a vicepresidenta- é que esta iniciativa siga avanzando, siga consolidándose como unha das grandes referencias musicais do noroeste peninsular”. Para Sánchez, “non hai mellor inicio do outono en Vigo que o “Outono Lírico”” que este ano estreará a súa programación o 19 de setembro coa Gala Verdi e “encherá a cidade de óperas pero tamén de conferencias, presentacións e debates nos que a música e as grandes figuras e novas promesas serán, sen dúbida algunha, os auténticos protagonistas”.
Tamén aproveitou a ocasión para agradecer os esforzos de Amigos de la Ópera para a posta en marcha do “Outono Lírico”. “Non podemos esquecer –asegurou- que Amigos de la Ópera é unha asociación sen ánimo de lucro e que a cada vez máis ampla e ambiciosa programación desta iniciativa depende, en gran medida, do mecenazgo, da colaboración desinteresada de empresas privadas e organismos públicos para que sexa unha realidade”. Neste eido animou a todas as entidades e institucións que aínda non o teñan feito “a aportar o seu gran de area para que cada “Outono Lírico” sexa, se é que é posible, mellor que o anterior”.