A Deputación presenta no Museo de Pontevedra Antonio Palacios. Obra completa, o catálogo definitivo da obra do arquitecto

A presentación do libro de Álvaro Bonet López editado polo Museo será este mércores 13 de novembro, ás 19:00 h, no Edificio Castelao

11/11/2024

presentación do libro de Álvaro Bonet López

A Deputación publicou este ano a través do Museo de Pontevedra o libro Antonio Palacios. Obra completa. Nel, o arquitecto Álvaro Bonet, un dos maiores expertos en Palacios, reúne 239 fichas perfectamente documentadas de obras construídas ou proxectadas polo arquitecto porriñés. A publicación presentarase este mércores 13 de novembro, ás 19:00 h, no Museo de Pontevedra.

Antonio Palacios. Obra completa, constitúe o catálogo definitivo da obra do de Palacios. Nesta publicación, Álvaro Bonet identifica arredor dun centro de obras ata agora non lle estaban atribuídas ou non se coñecían, ademais de achegar documentación descoñecida sobre outras 40 construcións e proxectos. Trátase dun volume de 466 páxinas que recolle un gran número de ilustracións en cor, que inclúe fotografías actuais e históricas, planos e debuxos. O libro pretende ser unha obra de referencia para calquera investigadora ou investigador que se achegue no futuro ao legado arquitectónico de Antonio Palacios.

Álvaro Bonet estudou Arquitectura na Universidade Politécnica de Madrid. É membro fundador de Madrid Ciudadanía y Patrimonio, e autor de diversos estudos sobre patrimonio histórico madrileño. Actualmente centra as súas investigacións na figura de Antonio Palacios. Tamén publicou numerosos artigos e outros dous libros sobre o arquitecto porriñés: Trazar a mirada, guía de viaxe de Antonio Palacios (2021), e Mándolle os planos. O legado de Antonio Palacios en Nigrán (2023).  E é autor dun capítulo do catálogo da exposición de Vigo Antonio Palacios. Soños de modernidade. Compromiso con Galicia (2020). Ademais, Bonet López, que prepara a súa tese doutoral sobre o citado arquitecto, foi o director do Simposio Antonio Palacios, organizado polo Museo de Pontevedra en abril deste ano. 

Galerias de imaxes