A Deputación adxudica por preto de 30.000 euros o desenvolvemento das visitas guiadas por Areeiro
Serán un total de 132 visitas por ano e pódense solicitar na páxina web do centro dependente da Administración provincial
14/06/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a adxudicación das visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica Areeiro para os próximos 12 meses por 30.366 euros, con posibilidade de prórroga por outros tres anos máis. Serán, en total, 132 visitas por ano e pódense solicitar na páxina web do centro dependente da Administración provincial.
As visitas, que son gratuítas, para grupos de entre 2 e 30 persoas, teñen unha duración aproximada de dúas horas e poden realizarse desde luns a sábado. Poden solicitarse cunha antelación mínima de dous días naturais e no caso de que participen menores, deberán estar acompañados dunha persoa adulta (nai, pai ou titora) e contar coa autorización asinada no caso de que se trate dunha visita escolar.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.