A Deputación e o Concello de Pontevedra abren este luns o prazo para presentar artigos aos premios #MulleresQueOpinan

Con estes premios ambas as institucións pretenden promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres e fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras

17/03/2024

A Deputación e o Concello de Pontevedra abren este luns o prazo para presentar artigos aos premios #MulleresQueOpinan, uns galardóns cos que ambas as institucións pretenden promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres e fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras. Serán premiados con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se abordaron no encontro "As mulleres que opinan son perigosas", que rematou este sábado no Teatro Principal de Pontevedra.

Poderán presentarse aos Premios #MulleresQueOpinan artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente (de maneira virtual ou presencial) e tamén sobre calquera tema tratado no congreso, tanto nos relatorios coma nas quendas de preguntas. O único requisito é que co propio texto quede acreditada a asistencia ao foro.

Os artigos presentados, que deben ser orixinais, deben contar cun titular e corpo cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (sen contar os espazos). Estes poden ser tanto inéditos coma de xornalistas que cubran as xornadas do foro e publiquen os seus textos nos medios que traballan. As bases están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes, que deberán facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación, pecharase o 8 de abril.