A Deputación mantén aberto ata o 19 de agosto o prazo para presentar proxectos aos Premios Provinciais á Xuventude

Á edición deste ano, que repartirá 36.000 € entre as mellores iniciativas en once categorías diferentes, recibiu 190 solicitudes de participación, 80 máis que no 2023

12/08/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o vindeiro luns 19 de agosto o prazo para que as 190 persoas que optan aos Premios Provincias á Xuventude poidan presentar os seus proxectos definitivos. En total, son 80 traballos máis que os presentados na edición anterior, cando foron 108 os proxectos presinscritos. Todos eles poderán optar a un total de 36.000 euros en premios distribuídos en once categorías diferentes que buscan recoñecer o talento e potencial da xuventude, estimular e recoñecer a súa traxectoria, o seu esforzo e compromiso, así como labores relevantes que promovan en distintos ámbitos.

En concreto, antes de que rematara o prazo de preinscripción, o pasado mes de abril, recibíronse 56 propostas na categoría de fotografía orixinal, 37 en traballo literario breve, 19 en deseño e moda, 15 en investigación, 14 de contido audiovisual, 11 de iniciativa empresarial, 10 de banda deseñada, 9 traballos musicais, 8 na categoría de educación en valores, 7 en reacción polo clima e 2 iniciativas estudantís, convocada neste 2024 por vez primeira. Agora, as persoas solicitantes deberán presentar os seus proxectos definitivos antes do 19 de agosto.

En canto aos premios, a categoría de iniciativa estudantil está dotada con 2.000 euros; iniciativa empresarial, con 4.000 €; educación en valores, con 2.000 €; investigación (coas subcategorías de ciencias, arquitectura e enxeñería e a de artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas), con 8.000 €; contido audiovisual, con 2.000 €; traballo musical (música clásica e outros xéneros), con 4.000 €; traballo literario breve (narrativa e poesía), con 4.000 €; banda deseñada, con 2.000 €; fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía), con 4.000 €; deseño e moda, con 2.000 €, e reacción polo clima, con 2.000 €.

En xeral, a estes Premios Provinciais á Xuventude podían presentarse persoas de 16 a 35 anos empadroadas na provincia de Pontevedra, se ben nas categorías de iniciativa empresarial e de reacción polo clima tamén podían concorrer persoas xurídicas nas que polo menos un 75% da xunta directiva ou dos administradores teñan esa idade. Nesta última, ademais, tamén podían presentarse centros de Educación Secundaria en cuxos proxectos participen alumnas e alumnos de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, aos que tamén estaba dirixida a categoría de educación en valores. Nesta categoría o importe do premio deberá destinarse na súa totalidade á adquisición de material, a saídas educativas, a proxectos escolares, a bolsas para o alumnado ou a calquera outra actividade que teña relación directa coa programación do centro.