A Deputación convoca un concurso de pintura para mozos ao abeiro do I Encontro literario e artístico “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”
O certame está dirixido a rapaces da provincia entre os 16 e os 35 anos e elixirá dez obras pictóricas que serán expostas no Museo de Pontevedra entre o 7 e o 20 de outubro
08/08/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha un concurso de pintura para elixir as obras pictóricas que se exporán no I Encontro literario e artístico destinado á mocidade da provincia, que se celebrará no mes de outubro baixo o título "Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes". Este encontro, ademais de consistir nunha serie de charlas-coloquio de novelistas cunha traxectoria consolidada e de persoas galardoadas en anteriores edicións dos Premios Provinciais á Xuventude, completarase con dúas exposicións: unha de fotografía, na que se amosarán as obras gañadoras das últimas sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude, e outra de pintura, que incluirá cadros realizados por mozas e mozos da provincia.
Desta maneira, a través deste concurso, que abre o seu prazo de presentación de obras mañá, 9 de agosto, a Deputación elixirá as dez obras pictóricas que serán expostas no Museo de Pontevedra durante o devandito encontro. En concreto, a mostra estará instalada na antesala acristalada do Edificio Castelao entre os días 7 e 20 de outubro de 2024. A convocatoria está dirixida a mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos e empadroados nun concello da provincia de Pontevedra.
En canto ás características das obras, as dimensións máximas non excederán os 70 centímetros de ancho (xa que se exporán sobre cabaletes) e a temática, A temática, así como os materiais e as técnicas que se empregarán, serán libres. As obras pictóricas presentaranse enmarcadas, en lenzo, sobre un soporte ríxido e sen cristal, e de forma que se permita a súa exposición directa, sen necesidade de manipulación. O prazo de presentación das solicitudes comeza mañá e remata o 10 de setembro. No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria con todos os detalles como a forma de presentación, os criterios de selección e outros.