#XUVENTUDE
Concurso de pintura para elixir as obras pictóricas que se exporán no I Encontro literario e artístico “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”
Bases reguladoras e convocatoria do concurso de pintura para elixir as obras pictóricas que se exporán no I Encontro Literario e Artístico “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, organiza o próximo mes de outubro un encontro literario e artístico destinado á mocidade, co título “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”. Este evento consistirá nunha serie de charlas-coloquio, impartidas tanto por novelistas cunha traxectoria consolidada coma por algunhas das persoas galardoadas en anteriores edicións dos Premios Provinciais á Xuventude. Nestas xornadas compartirán as motivacións que as e os animaron a escribir, relatarán as súas experiencias no mundo literario e darán consellos e recomendacións para as persoas que se queiran iniciar nesta disciplina.
Ademais, o encontro completarase con dúas exposicións: unha de fotografía, na que se amosarán as obras gañadoras das últimas sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude, e outra de pintura, que incluirá cadros realizados por mozas e mozos da provincia.
Xa que logo, promóvese este concurso para elixir as dez (10) obras pictóricas que serán expostas no Museo de Pontevedra durante o devandito encontro, na antesala acristalada do Edificio Castelao entre o 7 e o 20 de outubro de 2024.
A convocatoria está dirixida a mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos e empadroados nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra.
As obras seleccionadas expoñeranse sobre cabaletes, de modo que as dimensións máximas non excederán os 70 cm de ancho. A temática, así como os materiais e as técnicas que se empregarán, serán libres. As obras pictóricas presentaranse enmarcadas, en lenzo, sobre un soporte ríxido e sen cristal, e de forma que se permita a súa exposición directa, sen necesidade de manipulación.
O prazo de presentación das solicitudes rematará o 10 de setembro de 2024.