A Deputación promociona en Fitur a Ruta de Ignacio Taverneiro como vía alternativa pola provincia para chegar a Compostela

A deputada de Turismo, Nava Castro, presentou os puntos fortes deste percorrido xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, quen interveu en representación dos concellos da provincia polos que pasa a ruta

25/01/2024

Nava Castro en Fitur

A Deputación de Pontevedra continúa a súa axenda de actos e presentacións en Fitur coa Ruta de Ignacio Taverneiro, a vía cara a Compostela que avanza pola provincia atravesando Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas e Salvaterra de Miño.  A deputada de Turismo, Nava Castro, foi a encargada de presentar os puntos fortes deste percorrido xunto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial Jorge Cubela, quen interveu en representación dos seis concellos da provincia que atravesa esta ruta.

“Aquí estamos seis concellos da provincia, moi diferentes, incluso de distinto signo político, que soubemos traballar xuntos, tendendo pontes arredor da cultura e do patrimonio, cun obxectivo común: impulsar e promocionar a Ruta de Ignacio Taverneiro”, remarcou a deputada provincial. Nava Castro afirmou que “somos moi conscientes da proxección turística que supón contar xa con esta nova ruta cara a Compostela” e amosouse convencida de que “esta vía alternativa cara a Santiago dará moito de que falar. Estou segura de que, se a facedes, deixará en vós unha pegada inesquecible e será unha vivencia que xamais esqueceredes”.

A deputada provincial afirmou que existen numerosas variantes para peregrinar a Compostela que atravesan a provincia e, sobre a Ruta de Ignacio Taverneiro, remarcou o feito de que o seu percorrido sexa froito dun rigoroso traballo de investigación no que se implicaron Luis Ferro e Carlos da Barreira. Tamén subliñou que abrangue 130 quilómetros a través de cinco etapas por concellos do interior de Pontevedra nun percorrido suave, con desniveis menores que outros percorridos que cruzan a provincia cara a Santiago tamén polo seu interior. Ademais, como punto forte, pasa a carón de 30 igrexas ―tres delas con Santiago Apóstolo como patrón―, 14 petos de ánimas, numerosos cruceiros e unha ampla lista de lugares de interese cultural coma pontes medievais ou contornas naturais coma as que conforman o río Oitavén ou o Verdugo.

Galerias de imaxes