A Deputación destina 180.000 euros á Federación Galega de Balonmán para a realización na provincia dous partidos internacionais das seleccións absolutas de balonmán
Luis López deu conta da aprobación da adxudicación do patrocinio dos encontros que traerán este domingo 7 de abril ás Guerreiras ao Porriño e o 8 de maio aos Hispanos a Lalín
02/04/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou en conferencia de prensa de que a Xunta de Goberno acaba de aprobar a adxudicación da contratación do patrocinio para a realización na provincia de dous partidos oficiais internacionais das seleccións absolutas masculina e feminina de balonmán esta primavera. López lembrou que o contrato ascende a 179.000 euros destinados á Federación Galega de Balonmán para que se poidan disputar estes dous encontros, o primeiro deles este domingo 7 de abril no Porriño e, o seguinte, o 8 de maio en Lalín.
O presidente provincial lembrou que a colaboración entre a Deputación e a Federación enmárcase no obxectivo do Goberno provincial de “fomentar, promover e difundir o deporte, e sempre colaborando cos municipios para tratar de chegar a todos os recunchos da provincia”, xa que “este tipo de eventos fan que a provincia teña unha enorme visibilidade, que se porá de manifesto nestes próximos meses”. De feito, sinalou, “acabámolo de comprobar o pasado xoves na celebración da final da Copa Galicia de fútbol sala feminino nas instalacións do Centro Príncipe Felipe, e seguirémolo vendo coa Volta Ciclista a España.
As Guerreiras, nome co que é coñecida a selección absoluta feminina, mediranse ao combinado de Acerbaixán nun encontro clasificatorio para o Campionato de Europa 2024 que terá lugar o 7 de abril no Porriño. Pola outra banda, os Hispanos, alcume da selección absoluta masculina, enfrontaranse o 8 de maio a Serbia en Lalín no choque de ida dunha eliminatoria na que estará en xogo o billete para o Campionato do Mundo masculino do próximo 2025.