A Deputación apoia o “InCoDe Fest” que organiza o Estudo Bonobo esta fin de semana na Alameda de Pontevedra

31/05/2024

Rada Domínguez presentanco o Incode Fest

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este venres diante do Pazo provincial o “InCoDe Fest”, que acolle esta fin de semana a Alameda de Pontevedra co apoio da institución provincial. Este festival, organizado por ArteCalavera (a produtora audiovisual de Estudo Bonobo) e cuxas actividades paralelas xa se levan desenvolvendo desde o pasado mércores, é unha nova proposta cultural argallada baixo o paraugas dos principios da cooperación, a diversidade e a inclusión.

O vicepresidente lembrou que “a Deputación está coa cultura e queremos que Pontevedra sexa unha cidade onde encaixe toda clase de cultura”. Sobre esta proposta, o vicepresidente asegurou que “é un proxecto novidoso que vai ter un impacto moi positivo para a cidade e estou seguro de que imos seguir traballando da man de Estudo Bonobo para que siga progresando”. Neste eido, un dos escenarios do “Incode Fest” levará o nome da Deputación de Pontevedra, e nel terán lugar dous concertos: o da Banda Xuvenil de Salcedo e mais o da Xove Orquestra Sinfónica coa aula tradicional da Universidade de Vigo. Ambas as dúas actuacións terán lugar o sábado 1 de xuño, a primeira ás 12:00 horas e, a segunda, ás 20:00 horas.