A Deputación permitirá subvencionar este ano o gasto corrente das confrarías para apoialas ante a caída da produción
O presidente provincial, Luís López, encabezou un encontro de traballo coa Federación provincial e representantes de 22 confrarías para facer achegas á vindeira orde de axudas que ultima o Goberno provincial por importe de 250.000 euros
26/03/2024
A Deputación de Pontevedra permitirá subvencionar, con carácter excepcional en 2024, o gasto corrente das confrarías de pescadores na vindeira orde de axudas do Goberno provincial, dotada cun orzamento inicial de 250.000 euros. Deste xeito, ademais de destinar os recursos a executar investimentos, estas entidades poderán empregar as contías para afrontar gastos ordinarios. Con esta novidade, demandada amplamente polo sector, a Deputación quere amosarlle o seu apoio a un colectivo que está a atravesar dificultades pola caída, principalmente, da produción do marisqueo.
O presidente provincial, Luis López, encabezou este martes un encontro de traballo coa Federación Provincial de Confrarías e con representantes de 22 entidades, orientado precisamente a facer achegas a orde de axudas. "Temos o obxectivo de mellorar e escoitar as vosas aportacións porque vós coñecedes os problemas que vos afectan mellor ca ninguén", afirmou Luis López durante unha reunión no que tamén participou o deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.
Neste sentido, ao tempo que reafirmou o seu aprecio por un sector fundamental para Pontevedra, o presidente da Deputación deixou claro ás persoas mariscadoras e pescadoras da provincia que o actual Goberno provincial si abrirá as portas ás entidades e escoitará as súas demandas, en tanto que son un socio vital para manter a economía e o emprego da provincia.
Deste xeito, o mandatario provincial amosou a súa preocupación pola delicada situación que atravesa o marisqueo na provincia. As chuvias do inverno baixaron a salinidade das augas e os lodos e sedimentos arrastrados polas riadas provocaron unha elevada mortaldade do marisco en campañas chave como a do Nadal. "Sodes un sector co que me sinto identificado", recoñeceu o presidente, quen xa mantivera unha reunión co presidente da Federación Provincial de Confrarías, Jose Manuel Rosas, o pasado mes de xullo, só uns días despois da súa toma de posesión como presidente da Deputación.
O encontro rematou coas intervencións das persoas representantes das traballadoras e dos traballadores, que lle trasladaron as principais necesidades que presentan estas confrarías e das que o presidente tomou nota para tratar de contribuír a buscarlle solucións a estes problemas.