A Deputación atende a demanda das confrarías e agrupacións de mariscadoras e permite destinar a gasto corrente 175.000 € das axudas provinciais
Trátase, tal e como remarcou o presidente provincial, de “dar resposta ao clamor que nos trasladou o sector nas diferentes reunións que tivemos cos seus representantes e para axudalo ante as dificultades que está a vivir este ano”
03/05/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a liña de axudas por valor de 250.000 € dirixidas a confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras, para afrontar novos investimentos e gasto corrente. Como novidade, tal e como remarcou o presidente provincial Luis López, "por primeira vez na historia da institución destinaremos 175.000 euros para que as entidades poidan afrontar gasto corrente, ante o clamor que nos trasladou o sector nas diferentes reunións que tivemos cos seus representantes e para axudar ao sector ante as dificultades que está a vivir este ano".
Deste xeito, con estes 175.000 euros de gasto corrente, as confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras poderán facer fronte ás facturas de combustible e electricidade, á adquisición de semente de moluscos bivalvos e, entre outras, tamén ao gasto de persoal. O importe restante desta liña de axudas da Deputación ata completar os 250.000 euros, 75.000 euros, permitirá que estas entidades poidan impulsar novos investimentos como elementos de transporte, construcións, mobiliario ou material de vixilancia.
"Como administración pública temos claro –subliñou o presidente Luis López- que debemos estar ao carón dos pescadores e das mariscadoras e apoialos en momentos complicados como este. Esta provincia é auga, é mar, e moitos dos nosos veciños e veciñas viven deste medio natural e non podemos, nin queremos, deixalos de lado".