A Deputación favorece a creación de 725 empregos en pequenos e medianos concellos grazas ao +Provincia

“Un impulso ao mercado laboral do que nos sentimos especialmente orgullosos, sobre todo cando se trata de concellos do rural, coa conseguinte fixación de poboación que isto supón”, afirmou o presidente da Deputación Luis López

21/05/2024

Luis López

En pouco máis de catro meses e medio desde que comezou o 2024, a Deputación de Pontevedra ten completado xa a asignación de recursos da liña 3, de emprego, do Plan +Provincia,  destinando 8,5 millóns de euros a 58 concellos para a contratación de 725 persoas. “Un impulso ao mercado laboral do que nos sentimos especialmente orgullosos, sobre todo cando se trata de concellos do rural, coa conseguinte fixación de poboación que isto supón”, afirmou o presidente da Deputación Luis López.

“Gustaríame felicitar a todo o persoal técnico da Deputación de Pontevedra e dos concellos pola axilidade tanto na solicitude dos fondos como na resolución dos mesmos”, subliñou Lopez quen detallou que se beneficiarán dos recursos da liña 3 do Plan +Provincia todos os concellos da provincia que o solicitaron. Cos 8,5 millóns de euros, 58 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes contratarán a un total de 725 persoas desempregadas para executar diferentes tarefas nos servizos municipais.

En liñas xerais, os concellos contratarán a entre 2 (Cangas) e 35 (Vilagarcía) traballadores e destinarán entre 33.000 € (Cangas) e 284.567 € (Vilagarcía) á contratación do persoal. Entre os postos de traballo máis demandados destacan os de peóns de obras públicas e forestais, persoal para limpeza, condutores, albaneis ou persoal para os servizos de mantemento, así como para conserxería e servizos xerais, para administración e para parques e xardíns. Tamén hai demanda entre os concellos de técnicos e guías de turismo, técnicos de Medio Ambiente e de Cultura, enxeñeiros forestais, publicistas, arquitectos, monitores de tempo libre, traballadores sociais, biólogos, socorristas e persoal de emerxencias, así como para o Servizo de Axuda no Fogar.

audios