Luis López salienta que o Plan +Provincia mobiliza esta semana 1,5 millóns de euros para impulsar investimentos en 11 concellos

Estes novos recursos beneficiarán á Estrada, A Lama, Baiona, Cambados, Cuntis, Gondomar, Pazos de Borbén, Portas, Redondela, Ribadumia e Tomiño

31/05/2024

Xunta de Goberno 31/05/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar algo máis de 1,5 millóns de euros para que once concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos A Estrada, A Lama, Baiona, Cambados, Cuntis, Gondomar, Pazos de Borbén, Portas, Redondela, Ribadumia e Tomiño que, como explicou o presidente provincial, Luis López, poderán acometer proxectos de "renovación de alumeado, de pavimentación, de conservación de camiños, saneamento ou mobilidade peonil, entre outros". Con estas novas achegas, o goberno provincial xa aprobou 29,5 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Luis López remarcou algunhas das iniciativas que van acometer os concellos con recursos provinciais, como  a adecuación do espazo público e a mellora de redes de servizos na praza Victoria R. Cadaval, para a que Baiona recibirá 116.000 € do +Provincia que permitirán facer fronte á achega municipal correspondente ao plan provincial PON2030. Ademais, Baiona recibirá outros 67.000 € para renovar o alumeado público na urbanización Puente Romano.

En canto ao resto dos concellos, Gondomar recibe 64.373 € para a mellora da pavimentación e rede de pluviais no camiño municipal Tumbio a Casás; Ribadumia 67.049 € para obras de mellora e dotacións en diferentes camiños; Cambados 89.993 € para a renovación da Praza As Rodas; Redondela 115.873 € para a pavimentación do camiño municipal das Ánimas, en Chapela; Portas 120.0049 para saneamento no Outeiro; Pazos de Borbén 121.901 € para a rehabilitación de vivenda social en Pousiño; A Lama 161.075 € para substituír a cuberta e renovar a instalación eléctrica da Casa Consistorial; Cuntis 196.643 € para a mellora da capa de rodadura das estradas de acceso aos núcleos de Vilariño e Noval e de acceso a Mesego, e A Estrada contará con 196.9000 € para a conservación de camiños rurais.

Por último, Tomiño recibirá un total de 210.094 € para acometer dous proxectos: 103.399 para a segunda fase do acondicionamento da contorna do Torreiro de Vilameán e 106.694 € para a mellora da mobilidade peonil entre os números 33 e 43 da Avenida Ordóñez.