A Deputación destina máis de 460.000 € a 46 estudantes e un docente de FP para que completen a súa formación no estranxeiro ao abeiro do programa Erasmus+ 2023
Son alumnos de centros educativos de Caldas de Reis, Cambados, Gondomar, Lalín, Moaña, O Porriño, Pontevedra, Ponteareas, Tui, Sanxenxo e Vigo que realizarán estadías de entre tres e nove meses en Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Malta, Portugal
26/07/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 462.520 euros para que 46 graduados en ciclos medios de Formación Profesional e un docente da provincia poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral. Trátase da primeira mobilidade do programa Erasmus+ 2023, que conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, dos que o SEPIE (o Servizo Español para a Internacionalización da Educación) aporta 1,2 millóns. “A pasada semana anuncieu que ampliábamos as bolsas de alumnos que están agora mesmo facendo as súas prácticas e agora seguimos avanzando neste programa – explicou o presidente provincial, Luis López -. Dotando á mocidade da nosa provincia de ferramentas para mellorar as súas competencias e a formación”.
Estes 46 estudantes, que comezarán as súas prácticas ao longo do mes de setembro viaxarán a Italia (22), Portugal (11), Francia (4), Irlanda (4), Malta (3) e Holanda (2), e as axudas variarán en función do país de destino e da duración da mobilidade, oscilando entre 4.300 e 13.000 euros. En concreto, trátase de sete alumnos do CIFP Montecelo, sete do IES Luis Seoane e tres do CIFP A Xunqueira, de Pontevedra; seis da Escola Técnica de Xoiería do Atlántico, catro do IES Chapela, tres do CPR Daniel Castelao, dous do IES A Guía, un do IES Ricardo Mella e un do CIFP Audiovisual, de Vigo; tres do CPR Plurilingüe San Fermín de Caldas de Reis, dous do IES Laxeiro de Lalín, un do CIFP A Granxa de Ponteareas, un do IES Cotarelo Valedor de Vilagarcía de Arousa, un do IES Francisco Asorey de Cambados, un do IES Plurilingüe Paralaia de Moaña, un do IES Terra de Turonio de Gondomar, un do IES Ribeira Louro do Porriño, un do IES Vilalonga de Sanxenxo e un do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui
Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionar á mocidade apoio económico para facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitar a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas.