A Deputación destina preto de 75.000 € a oito estudantes de FP para que completen a súa formación no estranxeiro ao abeiro do programa Erasmus+
Son alumnos de Pontevedra, Cangas e Vigo que realizarán estadías de entre seis e nove meses en Noruega, Malta, Portugal e Croacia
13/09/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 73.674 euros para que oito graduados en ciclos medios de Formación Profesional da provincia poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral. Estas mobilidades englóbanse no programa Erasmus+ 2023, que conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, dos que o SEPIE (o Servizo Español para a Internacionalización da Educación) aporta 1,2. "Seguimos dotando á mocidade da nosa provincia de ferramentas para mellorar as súas competencias e a formación – explicou o presidente provincial, Luis López-. É dicir, seguimos abonando o futuro da provincia".
Estes 8 estudantes, que comezarán as súas prácticas entre este mes de setembro e novembro viaxarán a Portugal (5), Noruega (1), Malta (1) e Croacia (1) para completar a súa formación, en estadías que terán unha duración de entre seis e nove meses. As axudas variarán en función do país de destino e da duración da mobilidade, e van desde os 7.300 euros ata os 10.000 euros. En concreto, trátanse de catro alumnos do CIFP Audiovisual de Vigo, dous do CIFP Xunqueira de Pontevedra, un do IES Rodeira de Cangas e un do CFEA Lourizán de Pontevedra. En canto aos seus estudos, realizaron ciclos de montaxe e posprodución de audiovisuais, dinamización do tempo libre infantil e xuvenil, xestión administrativa e aproveitamento e conservación do medio natural.
Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionar á mocidade apoio económico para facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitar a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas.