A Deputación destina 370.000 € a poñer en marcha +Renovables, a oficina provincial de apoio ás comunidades enerxéticas
A nova Oficina de Transformación Comunitaria terá sede no Viveiro de Empresas de Barro e contará, ademais, con oficinas itinerantes
02/08/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres da adxudicación por 370.000 euros do servizo para poñer en marcha e xestionar a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, financiada con fondos europeos NextGenerationEU. Con esta iniciativa, tal e como lembrou o presidente, "apoiamos as comunidades enerxéticas para seguir dando pasos na transformación desta provincia, apostando por un modelo sostible, eficiente e integrador, sempre tendendo pontes cos concellos e co tecido asociativo".
Luis López sinalou que +Renovables contará con sede no Viveiro de Empresas en Barro e oficinas itinerantes e busca fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a nosa principal prioridade. O proxecto, dotado dun orzamento total de 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos) nace como resposta á crise enerxética actual e pola necesidade de impulsar unha nova cultura enerxética con participación efectiva no sistema enerxético por parte da cidadanía.
A oficina, unha vez posta en marcha, encargarase, entre outras cuestións, do asesoramento e asistencia técnica ás entidades interesadas, da posta en marcha dunha rede de comunidades enerxéticas e un observatorio provincial, de elaborar estudos e informes especializados, de formar o persoal, de promover xornadas anuais para expoñer casos de éxito e retos, e tamén da organización dun congreso provincial de comunidades enerxéticas o próximo ano.