Luis López salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana 2,4 millóns de euros para nove concellos da provincia
Estes novos recursos beneficiarán a Cangas, Catoira, Forcarei, Ponte Caldelas, Redondela, Tomiño, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa
14/06/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 2,4 millóns de euros para que oito concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia e un noveno afronte gasto corrente ao abeiro da liña 2. En concreto, son Cangas, Catoira, Forcarei, Ponte Caldelas, Redondela, Tomiño, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa que, como explicou o presidente provincial, Luis López, poderán destinalos, entre outras iniciativas, a "arranxar estradas e camiños municipais, acondicionar locais sociais ou renovar servizos urbanos". Con estas novas achegas, o goberno provincial xa aprobou 35 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
Destacan esta semana o caso de Vilanova de Arousa, que contará con dúas achegas dun total de 244.048 euros, unha para a compra de terreos para acondicionar a zona do campo de fútbol do Terrón e para a ampliación dunha vía municipal, e outra para o reforzo de firme en vías municipais. Ademais, como xa anunciou hai uns días o presidente provincial ás súas respectivas alcaldesas, Cangas recibirá máis de 830.000 euros para a reurbanización e humanización da rúa da Estrela (343.015 €) e para reasfaltar Espiñeiro, Longan, Rodeira, Conchido e A Madalena (489.937 €), e Forcarei máis de 400.000 euros para dous proxectos. Neste caso, son 229.295 € para adquirir un vehículo para recollida e traslado de residuos e 212.108 € para a fase un da mellora da pavimentación na rúa Francisco Filgueiras (entre o nº12 e a discoteca Paraíso).
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou 62.795 € para acondicionar o centro social de Abalo, en Catoira; 96.286 € para reformar a cuberta e a fachada do pavillón de deportes de Carballa, en Tomiño; 102.788 € para o retranqueo da CT 250 KVA no ámbito do proxecto da estrada e redes de abastecemento e pluviais dos camiños Baixada á Estación e do Cairo, en Redondela; 145.203 € para a renovación dos servizos urbanos na N-550 (Avenida da Coruña), en Valga; e 241.624 € para obras de mellora e reforma de oito camiños e rúas municipais de Ponte Caldelas.
Por último, Vila de Cruces recibirá 172.780 euros ao abeiro da liña 2 para gastos de recollida de lixo e tratamento de residuos, rede abastecemento de auga potable e de sumidoiros (145.899 €); o funcionamento da escola de música e/ou deportivas (14.863 €), e os servizos necesarios para o desenvolvementos dos servizos municipais de asistencia xurídica, informática e asesoría laboral (12.018 €).