A Deputación avanza na elaboración do estudo para a posta en marcha dunha comunidade enerxética local en Moaña da man de +Renovables

O deputado provincial Javier Tourís e a alcaldesa da Moaña, Leticia Santos, reuníronse co presidente de Moaña Solar, José Antonio Pena, para fixar o alcance dos traballos a realizar

31/10/2024

O deputado provincial Javier Tourís e a alcaldesa da Moaña, Leticia Santos

A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello de Moaña para a impulsar a  posta en funcionamento da comunidade enerxética local Moaña Solar a través da Oficina de Transformación Comunitaria da institución provincial +Renovables. O deputado provincial Javier Tourís e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, reuníronse co presidente de Moaña Solar, José Antonio Pena, e dous integrantes da súa xunta directiva, para definir o plan de implantación e a elaboración do estudo para a comunidade enerxética local, así como para fixar o alcance dos traballos a realizar no marco desta iniciativa.

Tourís recordou que a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, financiada cos fondos NextGenerationEU, está a disposición dos concellos da provincia para prestar servizos de acompañamento, asesoramento e formación. En concreto, o deputado provincial explicou que a través da oficina daráselles acompañamento especializado para avaliar o potencial do proxecto de constitución da comunidade enerxética e identificar a mellor forma xurídica para a súa xestión e as mellores formas de financiamento. Tamén prestará asesoramento para a redacción dos estatutos e normas de participación, así como para localizar e deseñar os proxectos de xeración eléctrica e redactar o proxecto de execución. Ademais, Tourís engadiu que +Renovables inclúe accións de formación tanto para os xestores da comunidade enerxética como para o persoal do propio concello.

O deputado provincial trasladou a Moaña Solar a vontade de colaborar tanto prestando asesoramento como para realizar o estudo para a posta en marcha da comunidade enerxética. Nestes momentos, están implicados en Moaña Solar 100 usuarios e prevese que a comunidade chegue a 300, entre veciñanza, comercio e hostalería local. Coa instalación de paneis fotovoltaicos as persoas que integren a comunidade conseguirán un importante aforro nas facturas enerxéticas, xa que os paneis xerarán enerxía para autoconsumo o que suporá reducir o gasto enerxético.