A Deputación e FADEAL levan esta semana as xornadas de concienciación sobre o alzheimer a seis concellos da provincia

O obxectivo desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, é organizar sesións informativas en todos os concellos da provincia

21/10/2024

As xornadas “Alzheimer de preto”, organizadas pola Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzhéimer e outras demencias (FADEAL) e a Deputación de Pontevedra, continúan o seu percorrido pola provincia e chegarán esta semana a sete concellos da provincia: Catoira, Moaña, Mondariz, Moraña, Ponteareas e Portas. A través desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, organizaranse sesión formativas sobre esta enfermidade nos 61 concellos da provincia.

En concreto, en Portas a xornada celebrarase este martes 22 de outubro, de 16:00 horas a 20:00 horas na Casa da Cultura; en Moaña os días 22 e 23, ambos de 10:00 a 12:00 horas, no Salón de plenos do Concello, e en Ponteareas o mércores 23 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, na sala multiusos do Auditorio Municipal. Por outra banda, Moraña acollerá as charlas sobre o alzheimer o xoves 24 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, no Multiusos, e, por último, o venres 25 será a quenda de Catoira, na sala Celso Emilio Ferreiro no Edificio Multiusos, e de Mondariz, no salón de actos da biblioteca, en ambos casos de 16:00 a 20:00 horas.

O obxectivo destas xornadas é que familias coidadoras, persoas diagnosticadas e a poboación en xeral poderán coñecer de preto a enfermidade, a súa evolución ou pautas para facilitar o día a día dos doentes, isto é, información, asesoramento e orientación a todas as persoas interesadas de todos os recunchos da provincia, atendendo especificamente as persoas que residen no rural. Concretamente, abordaranse os primeiros pasos tralo diagnóstico desta ou outras enfermidades neurodexenerativas, darase orientación sobre recursos asistenciais e sanitarios, tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos, así como facilitaranse novidades en canto a investigación, pautas para o manexo no fogar ou fóra del, ou tramitación documental e asesoramento legal.

O proxecto financiado pola Deputación será xestionado a través das entidades asociadas da federación, que serán as encargadas de realizar as sesións informativas ao longo da provincia: a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO), a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras demencias da Comarca do Morrazo (AFAMO), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) e a Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer (AFASAL).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.