A Deputación e FADEAL levan esta semana as xornadas de concienciación sobre o alzhéimer a sete concellos da provincia

O obxectivo desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, é organizar sesións informativas en todos os concellos da provincia

11/11/2024

As xornadas “Alzheimer de preto”, organizadas pola Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzhéimer e outras demencias (FADEAL) e a Deputación de Pontevedra, continúan o seu percorrido pola provincia e chegarán esta semana a sete concellos: A Guarda, Nigrán, Covelo, Marín, Poio, Meis e O Porriño. A través desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, organizaranse sesión formativas sobre esta enfermidade nos 61 concellos da provincia.

En concreto, este luns 11 de novembro o proxecto chega á Guarda, onde terá lugar unha conferencia no Salón de Plenos do Concello de 16:30 a 18:30 horas. O martes 12, de 16:30 a 18:30 horas celebrarase a segunda sesión de Nigrán no Centro Social de Maiores, e en Covelo será o mércores e xoves, ambos días de 16:30 a 18:30 horas, no Auditorio Multiusos. Ademais, o xoves 14 de novembro Alzheimer de Preto chegará a Marín (no Salón de Actos do Museo Manuel Torres de 10:00 a 14:00 horas), Poio (na Casa dos Guardeses do Pazo Besada de 16:00 a 20:00 horas) e a Meis (no Auditorio de Meis de 16:00 a 20:00 horas). O xoves 14 tamén se celebrará a segunda sesión do Porriño, no Auditorio do Centro Cultural Municipal de 16:30 a 18:30 horas.

O obxectivo destas xornadas é que familias coidadoras, persoas diagnosticadas e a poboación en xeral poderán coñecer de preto a enfermidade, a súa evolución ou pautas para facilitar o día a día dos doentes, isto é, información, asesoramento e orientación a todas as persoas interesadas de todos os recunchos da provincia, atendendo especificamente as persoas que residen no rural. Concretamente, abordaranse os primeiros pasos tralo diagnóstico desta ou outras enfermidades neurodexenerativas, darase orientación sobre recursos asistenciais e sanitarios, tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos, así como facilitaranse novidades en canto a investigación, pautas para o manexo no fogar ou fóra del, ou tramitación documental e asesoramento legal.

O proxecto financiado pola Deputación está a ser xestionado a través das entidades asociadas da federación, que serán as encargadas de realizar as sesións informativas ao longo da provincia: a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO), a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras demencias da Comarca do Morrazo (AFAMO), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) e a Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer (AFASAL).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.