A Deputación supervisa os traballos de execución de cunetas de seguridade na estrada provincial EP-8403 Cuntis-Alto da Cruz en Cuntis

A deputada Isabel Couselo recorreu esta actuación de seguridade viaria que se está a desenvolver nesta estrada provincial ao abeiro no acordo marco de cunetas na rede viaria da Deputación, dotado con preto de 2 millóns de euros

14/11/2024

Visita a estrada provincial EP-8403 Cuntis-Alto da Cruz
Visita a estrada provincial EP-8403 Cuntis-Alto da Cruz

A Deputación de Pontevedra está a executar obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-8403 Cuntis-Alto da Cruz no Concello de Cuntis. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu a actuación que se está a desenvolver en varios tramos que ascenden aos preto de 350 metros desta estrada provincial. Trátase dunha obra enmarcada no acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a preto de 2 millóns de euros.

Segundo destacou Couselo, as obras que se están a realizar no Concello de Cuntis trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a construción de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para drenaxe e a execución de arquetas e recrecido de pozos en varios tramos da estrada provincial EP-8403. “Mediante estas cunetas de formigón armado - tal e como recordou a deputada- non só se vai mellorar a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais, senón que se vai xerar un espazo transitable máis seguro para os peóns”.

Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a 2 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa Cuntis, o lote 3, supón un investimento de máis de 665.000 euros.  Nesta mesma zona xa se actuou nas estradas provinciais EP-7006 Sol-Pardemarín (A Estrada), EP-7024 Olives-Sequeros (A Estrada), EP-7011 Pena de Foxo-Olives (A Estrada)  e na EP-7016 A Estrada-Vinseiro-As Casetas (As Casetas). Ademais, está previsto que comecen na próxima semana traballos nas estradas provinciais EP-6102 Castro-Dozón – O Irixo (Dozón), EP-6101 Bidueiros-Amedo (Dozón), EP-7103 Cerdedo-Castro-Quireza (Cerdedo-Cotobade)  e na EP-8402 Cuntis-Cequeril (Cuntis).