A Deputación avanza na expansión internacional da Bienal de Pontevedra coa visita á Biennale di Venezia

A institución provincial, encabezada polo vicepresidente Rafa Domínguez e parte do equipo comisarial da Bienal de Pontevedra, foi convidada pola organización para visitar a recoñecida mostra italiana. O presidente da Biennale di Venezia recibirá á delegación pontevedresa

09/10/2024

Desde que a Deputación de Pontevedra decidiu recuperar a Bienal de Arte de Pontevedra, que volverá na súa edición número 32 o vindeiro 2025, Rafa Domínguez está a traballar para impulsar e captar o talento internacional. Deste xeito, esta fin de semana o vicepresidente provincial, xunto con parte do equipo comisarial da Bienal de Pontevedra integrado por Antón Castro, Ángeles Tilve e Agar Ledo, desprazarase ata Venecia convidados pola organización da recoñecida bienal da cidade italiana para continuar avanzando na expansión internacional da mostra pontevedresa, do mesmo xeito que fixo en agosto coa Bienal de Vilanova de Cerveira.

A axenda de Rafa Domínguez en Venecia contempla, ademais dun percorrido polo Giardini della Biennale e da visita ao pavillón de España na mostra, que albergará pezas de arte contemporáneo que exploran temas sociais e de identidade,  un percorrido polo Arsenale, a Galería da Academia, o Museo Fortuny e o Peggy Gugghenheim Collection, así como unha visita ao Palazzo Grassi, á Basílica de San Marco e a Punta della Dogana. Está previsto que en todos estes espazos o vicepresidente provincial estableza sinerxías para seguir traballando no proxecto de reactivación da Bienal de Pontevedra. "Queremos –explicou Domínguez- irmandar a cita de Venecia coa de Pontevedra, tal e como fixemos xa con Vilanova de Cerveira, para beneficiarnos de todas as oportunidades que suporía establecer unha colaboración directa, creando vínculos entre estes eventos artísticos de sona internacional".

Deste xeito, están previstas reunións co presidente da Biennale di Venezia, así como con responsables de Ocean Space, un centro de exposicións situado na igrexa de San Lourenzo que foi favorecido por un traballo de conservación e restauración dirixido pola Fundación Thyssen-Bornemisza Arte Contemporáneo, e por Miguel Mallol, comisario, crítico de arte e xestor cultural, encargado do pavillón español da Biennale,

A XXXII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 15 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025, "vai situar a cidade do Lérez no epicentro internacional da arte contemporánea e será tamén un importante revulsivo económico para toda a provincia", asegurou Rafa Domínguez. Deste xeito, baixo o título "Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais", a Bienal atraerá artistas destacados como Francesc Torres, Farida El-Gazzar, Patrice Warrener, Raida Adon, Marina Núñez, Manuel Casimiro, e Miki Kratsman, todos eles xa confirmados polo vicepresidente provincial, e moitos outros de relevancia internacional. A Bienal promoverá o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando a cidade no evento ao fomentar a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.