A Deputación ten aberto ata o mércores 3 de xullo o prazo para presentar candidaturas aos I Premios Boas Prácticas en Igualdade

Por vez primeira a institución provincial premiará os mellores proxectos da provincia a favor da igualdade de xénero e contra a violencia machista, que repartirán 16.000 euros entre catro categorías

22/06/2024

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o mércores 3 de xullo o prazo para presentar candidaturas para optar aos Premios de Boas Prácticas en Igualdade, cos que busca distinguir a persoas e entidades que realicen actividades, proxectos ou programas que destaquen como boas prácticas en igualdade de xénero e contra a violencia machista na provincia de Pontevedra. Estes galardóns repartirán 16.000 euros nos eidos da cultura, do deporte, da educación e do medio social.

En concreto, premiaranse entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que realicen actividades ou proxectos sobre a igualdade de xénero ou a erradicación da violencia de xénero; a persoas físicas ou entidades culturais sen ánimo de lucro pola súa actividade a través de actuacións artísticas, teatrais, musicais, literarias para a consecución da igualdade de oportunidades de mulleres e homes; a persoas físicas ou entidades deportivas que fomenten a práctica deportiva en condicións de igualdade entre nenas e nenos ou entre persoas adultas, para romper cos estereotipos de xénero existentes e contribuír a erradicar a violencia de xénero no deporte, e a centros públicos de educación que teña incorporado no seu proxecto educativo a igualdade de oportunidades ou asociacións de pais e nais de alumnado que realice nos centros educativos actuacións dirixidas tanto ao alumnado coma ao profesorado e ás familias, co fin de fomentar a igualdade de xénero.

A persoa gañadora de cada categoría recibirá unha gratificación de 3.000 euros e concederase tamén un accésit en cada unha delas dotado con 1.000 euros. Do mesmo xeito, o xurado do certame reserva a posibilidade de realizar dúas mencións honoríficas, sen contía económica, para recoñecer a traxectoria inapelable a prol da igualdade de persoas e entidades da provincia de Pontevedra.

Poderán concorrer a estes premios as persoas físicas, entidades, centros educativos e asociacións de nais e pais de alumnado da provincia de Pontevedra e as candidaturas deben presentarse a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra ata o 3 de xullo.