A Deputación ultima o prazo para que os clubs federados de ámbito inferior ao estatal e náuticos soliciten as axudas provinciais

O mércores 10 de xullo será o último día para solicitar os preto de 1,2 millóns de euros de orzamento destas dúas liñas, que se outorgarán por concorrencia competitiva

03/07/2024

A Deputación de Pontevedra pecha o próximo mércores, 10 de xullo, o prazo para que os clubs deportivos soliciten as axudas destinadas a impulsar neste ano 2024 o deporte náutico (concretamente as disciplinas de piragüismo, vela e remo) e o de competición oficial no ámbito inferior ao estatal. Estas dúas liñas están dotadas, respectivamente, de 500.000 e 650.000 euros (25.000 máis que o pasado ano neste último caso), facendo un investimento global próximo aos 1,2 millóns de euros no actual exercicio. As solicitudes deberán realizarse a través da sede electrónica da Deputación, onde atoparán unha ligazón ás bases da convocatoria publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

A liña de axudas ao deporte náutico está dirixida aos clubs deportivos sen ánimo de lucro da provincia que participen en competición oficiais de calquera ámbito territorial dentro das tres modalidades beneficiarias. A institución provincial reserva un máximo de 280.000 euros ao piragüismo, de 145.000 € ao remo e, en último lugar, de 75.000 euros para os clubs de vela. Cada entidade poderá recibir ata 25.000 euros, sempre que non supere o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos que poden subvencionar atópanse os gastos federativos, os de competición e adestramento, os de persoal, de material deportivo ou os sanitarios.

Ademais, destínanse 650.000 euros aos clubs deportivos que participen en competicións oficiais de ámbito inferior a estatal. Estas axudas subdivídense á súa vez en dúas liñas, a primeira delas dirixida aos clubs de competicións de ámbito inferior a estatal. Cun orzamento de 600.000 euros, poden solicitar un máximo de 3.000 € cada un, 500 € máis que o pasado ano. A segunda liña está centrada nos clubs que participen en competicións de fútbol Preferente Galicia Grupo Sur, aos que a Deputación destina 50.000 euros, con achegas máximas de ata 5.000 € por club. En ambos os dous casos, o importe máximo non pode superar o 80% do orzamento presentado, e os gastos subvencionables son os mesmos que no caso anterior.