Luis López anuncia o reparto de 500.000 euros entre 54 clubs náuticos de 23 concellos da provincia
“O noso compromiso co deporte tradúcese en recursos concretos para promover a práctica deportiva e para impulsar todas as modalidades, apoiando aos clubs e federacións de todas as disciplinas”, asegurou o presidente
05/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe o reparto de 600.000 euros entre 54 clubs náuticos de 23 concellos da provincia, que recibirán ata un máximo de 25.000 euros para sufragar gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou gastos sanitarios. “O noso compromiso co deporte tradúcese en recursos concretos para promover a práctica deportiva e para impulsar todas as modalidades, apoiando aos clubs e federacións de todas as disciplinas deportivas”, asegurou o presidente provincial.
Dos 500.000 euros aprobados, tal e como detallou Luis López, 280.000 euros serán para 27 clubs de 18 concellos da categoría de piragüismo, 145.000 euros para 16 clubs de remo de 10 concellos e os outros 75.000 € repartiranse entre 11 clubs de 7 concellos na categoría de vela.
En concreto, na área de Pontevedra benefícianse destas axudas 10 clubs de piragüismo, que reciben 94.400 €; un club de remo, que contará con 8.070 € e outro de vela, con 5.083 €. No caso do Morrazo, son dous os clubs de piragüismo os que reciben un total de 17.493 €; catro de remo, que contarán con 52.526 € e outros dous de vela, con 9.794 €. Na contorna do Salnés e Arousa oito clubs de piragüismo recibirán 94.697 €, tres de remo 16.582 € e catro de vela 12.195 €. Por último, en Vigo e no sur da provincia sete clubs de piragüismo contarán con 73.370 €, oito de remo con 67.816 € e catro de vela con 47.925 €