A Deputación supervisa en Salvaterra os traballos de conservación de firme na estrada provincial EP-4005 Areas-Alxén-Cabreira
A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, visitou esta actuación na que se están a investir preto de 70.000 euros ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial
19/11/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, supervisou en Salvaterra de Miño xunto coa alcaldesa da localidade, Marta Valcárcel, as obras que a institución está a acometer na estrada provincial EP-4005 Areas-Alxén-Cabreira nas que está a investir preto de 70.000 euros. Estes traballos están incluídos no lote 5 do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial que contempla un orzamento total para o conxunto da provincia de 4,5 millóns de euros.
Isabel Couselo sinalou que a actuación que se está a executar nesta infraestrutura de titularidade provincial consiste na reposición da capa de rodadura ao longo de 300 metros, actuando nuns 3.500 m2, con aglomerado en quente (AC 16 Surf 50/70 S). Os traballos consisten en operación de mantemento do firme, así como da súa capacidade portante e da reposición da sinalización horizontal e drenaxe afectadas. Con estas obras corríxese o estado do pavimento das estradas provinciais con degradacións, tales como pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras.
A deputada provincial informou de que esta é só unha das actuacións que a Deputación de Pontevedra está a executar nas vías provinciais que atravesan esta contorna ao abeiro do lote 5 do acordo marco de obras de conservación de firmes. Deste xeito, xa se realizaron traballos nas estradas provinciais EP-2501 Salceda-Picoña, na EP-4001 Ponteareas-Guillade, na EP-4002 Celeiros-Oliveira, na EP-4003 Confurco-Couso, na EP-4302 Riofrío-Vilar; na EP-4304 Meirol-Enlace Autovía e na EP-5005 A Cañiza-Pousa. Ademais, Couselo adiantou que proximamente está previsto iniciar obras nas estradas provinciais EP-4402 Mondariz Balneario-Vilasobroso, EP-5102 Lamosa-Franqueira-Achas, EP-5105 Maceira-A Graña e EP-5303 Padrosos-Ameixeiras.