Luis López destaca o reto demográfico como unha prioridade dentro da aposta da Axenda Urbana e Rural en Deza

O presidente da Deputación inaugurou este xoves a terceira mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia, na que participaron rexedoras, rexedores, concelleiras, concelleiros, persoal técnico e representantes do tecido asociativo da comarca de Deza

13/03/2024

Terceira mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, continúa coa serie de presentacións da Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra (AUPO2030). Este mércores o mandatario provincial inaugurou a mesa de traballo correspondente á comarca de Deza. É o terceiro acto deste tipo tras a celebración das de Pontevedra e O Morrazo, ademais da de Vigo. Na súa intervención, o presidente fixo fincapé no reto demográfico pola súa importancia en zonas coma a de Deza e tamén repasou os investimentos e as iniciativas postas en marcha pola Deputación para acadar os obxectivos de sostibilidade recollidos na Axenda 2030. "Lalín e a súa comarca é a capital do noso agro, un sector de moito peso e moita tradición na nosa economía e no noso emprego, e tamén con moito futuro", afirmou Luis López.

Nun acto no que estiveron presentes a deputada encargada de Fondos Europeos, María Ramallo, rexedoras, rexedores, concelleiras e concelleiros dos municipios da comarca de Deza, persoal técnico e profesionais da Administración local e representantes do tecido asociativo desta área, o presidente reiterou a vocación "municipalista" da Deputación, que xa escoitou as necesidades das alcaldesas e alcaldes da provincia para elaborar os orzamentos e o Plan +Provincia, e volverá ter en conta as súas inquedanzas para "planificar a folla de ruta para o futuro da nosa provincia", que pasará pola sostibilidade no económico, o social e o medioambiental.

Neste sentido, López detallou uns "obxectivos irrenunciables" marcados polo Goberno provincial, que adquiren, se cabe, "maior transcendencia" no tocante á comarca de Deza. Así mesmo, referiuse ao reto demográfico, que conta por primeira vez na historia da Deputación cun departamento propio centrado tamén na xuventude. Ademais, os criterios para o repartimento de fondos do +Provincia ten en conta a perda de poboación dos municipios. Do mesmo xeito, a institución provincial está a poñer en marcha iniciativas encamiñadas a paliar o despoboamento do rural, coma o "Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra", no que participan concellos coma o de Forcarei.

O mandatario provincial tamén recordou o reforzo da partida orzamentaria destinada á cooperación cos concellos ata os 66 millóns de euros, a creación dun plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dotado con 4 millóns, ou o +Provincia, cun orzamento de 48,2 millóns de euros, que engloba unha cuarta liña destinada á planificación de proxectos transformadores, que conta con 1,2 millóns de euros. Así mesmo, Luis López salientou que, no que vai de ano, a Deputación mobilizou 6,8 millóns de euros para contratar 550 persoas en 44 concellos da provincia ou os 1,4 millóns de euros asignados a sete concellos da provincia ao abeiro da liña 1 de investimentos do + Provincia.

Ao longo de toda a mañá, as persoas asistentes traballaron sobre un plan que recolle os desafíos e as oportunidades de futuro que debe afrontar a provincia. Deste xeito, participaron en tres dinámicas de traballo dirixidas a pensar e poñer en común iniciativas relacionadas co desenvolvemento sostible nesta comarca. Unha xornada de traballo que, ao longo das vindeiras semanas, seguirá levándose a cabo no resto das comarcas que forman a provincia de Pontevedra.

Despois de expresar a súa ledicia por participar nesta mesa de traballo da comarca de Deza, unha visita sempre especial ao ser natural e exalcalde de Rodeiro, o presidente provincial rematou a súa intervención agradecendo e animando a todas as persoas asistentes a traballar polo futuro da provincia. "Pretendemos traballar na nosa Axenda Rural e Urbana, unha estratexia da que teñen que formar parte non só a Administración local, senón tamén o tecido asociativo e empresarial da provincia; un proxecto de futuro centrado na atención ao noso medio rural e en desenvolver todo o potencial das nosas cidades; e unha folla de ruta marcada pola sostibilidade na industria, no turismo, na mobilidade e no urbanismo", concluíu.