Rafa Domínguez sinala importantes melloras no proxecto de Santa Clara para protexer o patrimonio do recinto e garantir a súa integración harmónica no espazo

A Deputación e a firma gañadora, Nieto Sobejano, participaron nun proceso de negociación da oferta inicial onde se abordaron a supresión do Centro Arqueolóxico, o respecto aos valores históricos do recinto e a mellora do acceso

21/08/2024

Rafa Domínguez informou de importantes avances no proxecto de Santa Clara

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, informou este mércores de importantes avances no proxecto de rehabilitación arquitectónica e ampliación do recinto conventual de Santa Clara como edificio integrante do Museo de Pontevedra. Froito dun proceso de negociación entre a institución provincial e a firma gañadora, Nieto Sobejano Arquitectos, nas reunións abordáronse cuestións que permitirán protexer e coidar o patrimonio dos espazos construídos e os xardíns, así como eliminar obstáculos para que Santa Clara se integre de xeito harmónico na contorna.

Se ben “o proxecto ‘Verbas da Pedra’ reflexa a harmonía entre tradición e innovación, e é un paso fundamental cara á realización deste ambicioso proxecto que situará Pontevedra nun epicentro cultural a nivel internacional”, valorou o vicepresidente, “invitamos a empresa a participar nun proceso de negociación da oferta inicial xa que non compartíamos aspectos relevantes no proxecto”. Na comisión, composta por perfís técnicos, abordáronse tres puntos de negociación: “a solución para a supresión do Centro Arqueolóxico e a proposta dun novo espazo para a conexión, xestión e distribución; o respecto aos valores históricos do recinto; e a mellora no acceso ao convento”.

No primeiro punto, informou Rafa Domínguez, a Deputación trasladou “a necesidade de axustar o proxecto ás novas directrices establecidas para cumprir cos obxectivos que temos para o Museo, nas que prima a protección e o coidado do patrimonio, tanto dos espazos construídos como das zonas verdes do recinto”. A este respecto, o vicepresidente lembrou que o executivo provincial considera “desapropiado intervir de maneira tan destrutiva no espazo verde para construír un Centro Arqueolóxico no centro de Pontevedra”, se ben recoñecendo a necesidade de dotalo dun espazo dedicado a este fin.

A solución inicial “vandalizaba a zona verde do convento, o público non podería acceder a el e serviría só de almacén de restos arqueolóxicos” e, por iso, nos últimos meses traballouse na liña de “que ese almacén estea noutro sitio”. Como resultado da negociación, Nieto Sobejano “manifestou a súa disposición de estudar a proposta, comprometéndose a adaptar o proxecto co obxectivo de acadar unha solución óptima”. Unha solución, asegurou Rafa Domínguez, que debe satisfacer “as necesidades cotiás de xestión, conservación e documentación, e ao mesmo tempo permitir unha adecuada conexión de todos os espazos preservando a zona verde existente”.

Tamén se negociou a revisión da inclusión e supresión de elementos existentes, independentemente da súa época. Neste sentido, “a eliminación de construcións de épocas pasadas non se considera adecuada agás que sexa necesario por motivos de conservación ou se o resultado final é esencial para a correcta interpretación histórica e cultural do Museo”, sinalou Rafa Domínguez. O estudo de arquitectura comprometeuse a estudar esta proposta e, unha vez consultado con Patrimonio da Xunta de Galicia, adaptará a súa proposta naquelas áreas onde sexa necesario. “Isto garantirá un claro respecto ao edificio e ao sitio histórico onde se atopa, minimizando ao máximo posible o impacto das intervencións”.

Por último, no que ten que ver co acceso, “o equipo técnico do Museo considera que a inclusión dunha peza de arquitectura contemporánea coas dimensións propostas ten un impacto excesivamente dominante na contorna”, referíndose a unha marquesiña proxectada na entrada desde a praza de Barcelos. Propúxose ao estudo reflexionar sobre as dimensións da peza “e realizar un estudo máis detallado das preexistencias na zona onde se pretende implantar”, e a firma aceptou reflexionar sobre esta peza para que garanta o máximo respecto á contorna. “Queremos evitar que esta intervención destaque por enriba dos edificios orixinais, asegurando que se integre de maneira harmoniosa no espazo”, concluíu Rafa Domínguez.

Á marxe das cuestións da comisión negociadora, Rafa Domínguez tamén informou de que a institución provincial “solicitou o pasado 22 de xullo a licenza de obra no Concello de Pontevedra, que conta cun prazo de tres meses para emitir a súa resposta”. Ademais, sinalou, “xa contamos co visto bo de Patrimonio ao proxecto básico, o que nos permite avanzar con seguridade nas seguintes bases do proceso”. O vicepresidente provincial agradeceu o traballo do persoal de todas as administracións implicadas, a Deputación, o Concello de Pontevedra e Patrimonio, ademais do de Nieto Sobejano, porque “todo está indo moi rápido e estamos remando nunha única dirección cunha finalidade: que Santa Clara e os seus xardíns estean á disposición da cidadanía o antes posible”.

O vicepresidente provincial asegurou que o proxecto de Santa Clara “é unha aposta firme pola preservación do patrimonio e a integración da modernidade nunha contorna histórica”, que a través do diálogo constante entre a Deputación e o estudo “estamos asegurando que cada intervención respecte e enriqueza o legado cultural da nosa cidade”. Rafa Domínguez asegurou que “esta obra é crucial para a preservación da nosa historia e para ofrecer un espazo cultural moderno e accesible a todos”. Este proxecto, que o vicepresidente cualificou de “ambicioso”, “porá Pontevedra no epicentro cultural e histórico internacional e atraerá visitantes sendo unha referencia onde se atoparán o pasado, o presente e o futuro dunha maneira harmoniosa”.

Galerias de imaxes

audios