Rafa Domínguez asiste á presentación do libro Fronteiras habitadas, de Xavier Ríos, editado pola Deputación

10/04/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu hoxe no Arquivo provincial á presentación do libro editado pola institución provincial Fronteiras habitadas, do artista moañés Xavier Ríos. O vicepresidente sinalou que o artista “xoga coas figuras dunhas siluetas que nos amosan unha realidade desoladora, unha traxedia colectiva que fai que nos miremos como sociedade fronte á pobreza, fronte á inxustiza e fronte á falta de liberdades e dereitos”, coma son os movementos migratorios. Rafa Domínguez asegurou que Fronteiras habitadas é “un convite a que non apartemos a nosa mirada ante unha realidade que temos diante dos ollos”, un “drama” no que esas persoas “son empregadas como peóns, como pezas dun taboleiro e con fins interesados”.

Á presentación tamén asistiron Xaime Toxo e Anna R. Figueiredo, dúas das voces da literatura galega actual (xunto con Xosé Daniel Costas, Míriam Ferradáns, Paulo Vilar Millán e Lucía Novas) que interpretan e acompañan as imaxes de Xavier Ríos no libro a través de textos da súa autoría.