A Deputación inicia a próxima semana 31 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

Preto de 550 veciños de 18 concellos comezarán accións centradas en restauración de mobles, informática, ximnasia, teatro, musicoterapia, ioga ou, entre outras, risoterapia

28/09/2024

A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros de Provincia Activa, programa co que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. A próxima semana, entre os días 30 de setembro e 4 de outubro, comezarán 31 novos obradoiros doutras tantas entidades sociais que mobilizarán preto de 550 veciños de 18 concellos da provincia: A Estrada, A Guarda, Arbo, Cangas, Lalín, Meaño, Moraña, Mos, Nigrán, O Porriño, Ponterareas, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Vigo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

Os primeiros obradoiros serán o luns 30 de setembro, cando 22 persoas da Asociación de Veciños de Gandón, comezarán o curso de restauración de mobles e tapicería, e 19 da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda de Caselas o de informática nivel avanzado. O martes 1 de outubro empezarán doce novos obradoiros: 16 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arbo e 21 da Asociación de Veciños O Piorno (Vilagarcía de Arousa) iniciarán o de ximnasia de mantemento para persoas maiores; 15 da Asociación Amas de Casa Rosais (O Porriño) e 17 de Asociación de Veciños Agustín Romero (Vilagarcía) o de plantas medicinais; 15 persoas de AFAMO (Cangas) o de teatro; 16 da Asociación Mulleres en Igualdade de Moneixas (Lalín) o de musicoterapia; outras 16 da Asociación Cultural e Social Soutelo (Salceda de Caselas) o de conservando a memoria; 18 persoas da Asociación de Amas de Casa e Consumo Agarimo (Vigo) o de ioga; 15 da Asociación Cultural Xeada (Vilagarcía) o de pandeireta e canto popular; 16 da Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Sobradelo o de restauración de mobles e tapicería; 25 da Asociación de Mulleres Féminas en Acción (Vilanova de Arousa) e pilates, e 18 da Asociación da III Idade Nevox (Vigo) o de plantas medicinais

O mércores 2 de outubro comezarán outros oito obradoiros. 15 persoas da Asociación de Veciños “Terra da Laxe” de Pinténs (Cangas) e 20 da Asociación Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo (Vilagarcía) empezarán co curso de pilates; 18 da Asociación Mulleres Rurais San Miguel de Cora (A Estrada) e 16 da Asociación Cultural Vista Alegre de Bandeira, o de restauración de mobles e carpintería; 16 da Asociación de Veciños San Antonio de Arbo o de conservando a memoria; outras 16 da Asociación Mulleres Rurais e Consumidoras O Corazón do Salnés (Meaño) o de ximnasia de mantemento para persoas maiores; 21 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Caselas (Salceda de Caselas) o de habilidades dixitais para uso cotián, e 24 do Club de Pensionistas de Sanxenxo o de bailes de salón.

Xa o xoves 3 de outubro 15 persoas da Asociación do Traxe Galego da Guarda comezarán o obradoiro de restauración de mobles e tapicería; 18 da Asociación Cultural Chorima (Moraña) o de risoterapia; 20 da Asociación Veciñal e Deportiva Cultural Miñoteira (Redondela) o de habilidades dixitais para uso cotián, e 15 da Asociación Centro Social, Cultural e Recreativo de Cedeira (Redondela) o de informática, nivel avanzado.

Por último, o venres 4 de outubro comezarán os seus respectivos obradoiros cinco entidades da provincia: 12 persoas da Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas (Ponteareas) e outras tantas da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Cabral (Vigo) empezarán o de habilidades dixitais para uso cotián; 17 da Asociación de Veciños San Amaro de Menduiña (Cangas) o de plantas medicinais; 15 da Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) o de teatro, e 23 persoas do Centro Recreativo e Cultural O Torreiro (Nigrán) o de informática, nivel avanzado.

En total, a Deputación ofertou catorce tipos de obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques: Benestar natural (Plantas medicinais), Saúde en movemento (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), Emociónate (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), Outra vida (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), Con ritmo! (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e Redeir@s (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e están a participar nos obradoiros entidades de 42 concellos da provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.