Luisa Sánchez asiste á presentación da sétima edición do Certame de Rondallas de Vigo, ao que a Deputación destina 10.000 euros

19/11/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este martes á presentación da sétima edición do Certame de Rondallas de Vigo, que definiu como “unha das citas musicais máis tradicionais e populares do Nadal da zona” e que se celebrará no IFEVI no mes de xaneiro. A vicepresidenta sinalou que para a Deputación é “indispensable” apoiar esta cita, que conta cunha achega de 10.000 euros da institución, “para que sigades dando tantas alegrías a Vigo durante moitos anos”.

Luisa Sánchez destacou as altas cifras de participación de edicións anteriores como motivo do “traballo que desde as administracións públicas debemos facer para conservar esta fermosa tradición popular e o valioso legado do que forman parte as rondallas”, e garantiu “a man tendida desde a Deputación para colaborar en todo o que supoña dinamizar a cidade de Vigo e potenciar a cultura”. A vicepresidenta salientou o incremento do 15% destinado á área de Cultura nos orzamentos do próximo ano da Deputación, “un compromiso firme no que seguiremos traballando sen descanso”.