Marta Fernández-Tapias invita a cidadanía de Vigo e da súa área metropolitana a gozar do certame de rondallas do vindeiro 14 de xaneiro

A sexta edición deste evento reunirá quince agrupacións de seis concellos, integradas por máis de 1.200 persoas, no IFEVI de Vigo

19/12/2023

certame de rondallas

A vicepresidenta primeira e deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias,  participou na presentación do VI Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo animando a toda a cidadanía de Vigo e da súa contorna a gozar, o vindeiro 14 de xaneiro, deste evento, que se celebrará no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) e que reunirá quince agrupacións de seis concellos diferentes integradas por máis de 1.200 persoas. “Este é un evento único que ao longo dos últimos anos converteu nunha das citas musicais máis tradicionais e populares do Nadal da nosa contorna”, asegurou, ao tempo que confirmou que o do día 14, no IFEVI, “non só porán sobre o escenario un fantástico espectáculo, senón que farán que poidamos sentir a paixón que todos eles teñen por esta tradición musical única, que cultiva e preserva a nosas raíces, e contribúe a difundir a nosa cultura”.

A vicepresidenta provincial subliñou o apoio da Deputación á hora de impulsar e promocionar a cultura “sobre todo a tradicional, este legado valioso, tanto para Vigo coma para o conxunto da provincia e de Galicia, do que forman parte as rondallas. É para min unha alegría ver como, xeración tras xeración, estas agrupacións seguen gozando dunha gran vitalidade e dunha grande atención por parte do público”. Neste aspecto, Fernández-Tapias lembrou o novo plan de apoio ao sector cultural da entidade provincial: “Culturea”, “un programa pensado para apoiar tanto as entidades sen ánimo de lucro como as agrupacións que mantendes viva a cultura popular e as tradicións en toda a provincia, dotado con máis dun millón de euros para atender as vosas demandas, e para que continuedes enchendo de luz e cor as aldeas e barrios de Vigo e da súa área de influencia”.

O Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo reunirá quince agrupacións o vindeiro 14 de xaneiro no IFEVI, fronte ás catorce da edición atenrior: cinco de Vigo (Valladares, Beade, Helios de Bembrive, Zamáns e Freixo), catro de Mos (Guizán, Herville, Torroso e Santa Eulalia de Mos), dúas de Gondomar (Vincios e Nosa Merced de Chaín), unha de Nigrán (Parada) e unha de Tui (Peixegueiro). A capacidade total para gozar do espectáculo, que reunirá 1.200 rondalleiras e rondalleiros, será de 7.000 persoas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.