A Deputación programa esta sábado 10 de agosto concertos en Vilanova de Arousa, Arbo e Crecente no marco de +Música

Lys Pardo e Antonio Barros levarán o seu espectáculo “Xuntos pola Música” a Vilanova, ás 22:00 horas; Roi Casal en Arbo, ás 22:30 horas, e Ensemble Groba en Crecente, ás 22:00 horas.

08/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa "+Música"  tres actuacións musicais este sábado noutros tantos concellos da provincia. Deste xeito, Lys Pardo e Antonio Barros estarán co seu espectáculo "Xuntos pola Música", na Praza do Castro de Vilanova, ás 22:00 horas dentro da programación da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho; Roi Casal actuará na Festa da Lamprea Seca, na Carballeira de Turbela de Arbo ás 22:30 horas, e Ensemble Groba soará na igrexa de San Pedro de Crecente ás 22:00 horas.             

En "Xuntos pola Música" Lys Pardo e Antonio Barros presentan un espectáculo musical no que as súas voces dan vida ao repertorio máis galego e de raíz do compositor, autor e cantante Juan Pardo. Un son fresco, emocionante e contemporáneo, ademais de tradicional, que recupera a esencia da música cantada en galego. O seu repertorio inclúe cancións e poemas musicados de autores como Eduardo Pondal ou Ramón Cabanillas, pertencentes á cultura galega.

Pola súa banda, Roi Casal, natural de Catoira, é un dos grandes expoñentes da música galega actual a nivel internacional e presentará en Arbo "Ambos Mundos", a súa nova xira na que pon sobre o escenario as súas producións en Estados Unidos xunto cos seus grandes éxitos. Mesturará, desta maneira, temas actuais e clásicos, ritmos latinos e o estilo pop máis puro dos seus inicios forman os grandes éxitos do artista para un gran directo.

Por último Ensemble Groba chegará a Crecente cunha proposta na que interpretará obras de compositores galegos, principalmente Rogelio Groba, Juan Montes e Andrés Graos. Esta formación de cámara naceu no 2002 co obxectivo de poñer en valor a música do mestre Groba. Ademais de formar parte da programación habitual do Festival Groba, ten actuado ao longo destes 22 anos en espazos nacionais e internacionais, sempre co obxectivo de difundir a música galega.

Todas estes concertos enmárcase en +Música, a iniciativa coa que a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e lingua galega, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. Trátanse de catro das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. "+Música" ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.