A Deputación inaugura nova exposición no Museo de Pontevedra, que pon o foco nunha figura clave para entender o paso do coleccionismo privado aos actuais museos galegos

A mostra dedicada a Ricardo Blanco Cicerón abre este xoves as súas portas no claustro do Edificio Sarmiento, coincidindo coa celebración do XVII Congreso Nacional de Numismática

11/09/2024

Rafa Domínguez percorrendo a exposición de balnco Cicerón

O Museo de Pontevedra inaugura este xoves a exposición 'O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Da colección ao Museo', que se poderá visitar do 12 de setembro ao 10 de novembro no claustro do Edificio Sarmiento. A mostra pretende achegar ao público o quefacer dun personaxe fundamental para entender o paso do coleccionismo do século XIX aos museos actuais de Galicia, recuperando para iso un bo número de pezas ata agora nunca vistas procedentes de varias institucións galegas e coleccións particulares.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, percorreu hoxe a mostra acompañado da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve e da conservadora do Museo e comisaria da mostra, Erea Castro. “Organizamos esta exposición ao tempo que acollemos o Congreso Nacional de Numismática, a máis importante reunión de numismática a nivel nacional”, asegurou Domínguez, que quixo ademais aproveitar a ocasión para felicitar aos traballadores do Museo “polo seu traballo e pola súa calidade, que ten que ser un orgullo para todo os pontevedreses”.

A exposición introdúcenos no gabinete de coleccionista de Ricardo Blanco Cicerón, que entre finais do século XIX e principios do XX atesourou unha vasta colección de obxectos, entre os cales destacan as xoias protohistóricas, con torques, diademas e aneis; machadas de bronce; moedas; medallas; documentos medievais e outras moitas pezas de diversas épocas. Isto levouno a ser recoñecido como o coleccionista de maior relevancia para a historiografía de Galicia.

Desta maneira, pretende saldar unha débeda da sociedade cunha persoa que entendeu que os bens históricos e arqueolóxicos formaban parte da identidade galega. Na mostra exhibiranse pezas destacadas do gabinete e da colección de Ricardo Blanco Cicerón, que forman parte do acervo de destacados museos galegos e nacionais. As pezas expostas inclúen mobiliario e outras artes decorativas, aparellos relacionados coa numismática, fotografías, pinturas e publicacións, procedentes do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo do Pobo Galego, o Museo das Peregrinacións, o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, coleccionistas particulares e os fondos do propio Museo de Pontevedra.

A maioría das pezas presentes na exposición nunca foran expostas antes. Entre as que se poderán ver destacan, por exemplo, varios mobles monetarios; un grafoscopio monoestereoscópico, que se empregaba como lente de aumento; unha escolma de entalles e camafeos; os baleirados en xeso das columnas de San Paio de Antealtares que se atopan actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional; o raro Libro da Confraría do Cirial de San Ildefonso ou de Cambiadores da Catedral de Santiago (1429-1548), pertencente a un dos gremios máis antigos de Santiago de Compostela; así como varios lenzos de grande interese e exemplos da colección de medallas e moedas de Blanco Cicerón que actualmente se conservan no Museo de Pontevedra.

Congreso de Numismática

A inauguración terá lugar este xoves ás 19:15 horas, coincidindo coa celebración do XVII Congreso Nacional de Numismática, que por primeira vez acolle Pontevedra. Desde este xoves e ata o sábado, profesionais procedentes de distintos ámbitos relacionados con esta disciplina participarán en mesas redondas e conferencias para abordar o futuro do estudo e a divulgación desta ciencia. Tamén se inclúen no programa arredor de 80 comunicacións de estudos recentes sobre coleccións, novos achados e proxectos de investigación en desenvolvemento, e outras actividades paralelas, como obradoiros infantís, visitas guiadas e un brinde de benvida coa actuación de Xisco Feijoo.

O congreso está organizado pola Deputación, a través do Museo de Pontevedra, e a Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos, baixo a coordinación científica do fiscal e investigador Antonio Roma Valdés.

Ricardo Blanco Cicerón

Ricardo Blanco Cicerón (Tui, 1844 – Santiago de Compostela, 1926) procedía da acomodada familia tudense Centeno y Cicerón, ligada á nobreza galega. Dedicoulle a súa vida ao dereito, á administración e á actividade política como xefe rexional de Galicia na Junta Nacional de la Comunión Tradicionalista, presidida polo marqués de Cerralbo. Foi esencial no desenvolvemento da sociedade Viuda e Hijos de Simeón García de la Riva, precedente do que máis tarde sería o Banco Simeón.

O seu gusto e paixón polas artes e as humanidades levouno a xuntar unha vasta colección de obxectos artísticos e históricos. Entendeu a importancia de preservar o legado artístico galego, coñecer os achados arqueolóxicos que se producían no noso territorio e permitir o seu estudo e divulgación a aqueles que se introducían no seu gabinete. Casto Sampedro definiuno como “o meu amigo e terror de coleccionistas e arqueólogos e anticuarios pasados, presentes e futuros”.  

 

Galerias de imaxes