A Deputación ultima os días para visitar no Museo de Pontevedra a exposición sobre Ricardo Blanco Cicerón e a instalación sobre Casto Méndez Núñez

Ambas mostras poderán verse ata este domingo 10 de novembro no claustro do Edificio Sarmiento

05/11/2024

exposición O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón

Ata este domingo, 10 de novembro, pode visitarse no Museo de Pontevedra a exposición ‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao museo’, que permanece  aberta no claustro do Edificio Sarmiento desde hai dous meses. O mesmo día pechará as súas portas a instalación temporal sobre Casto Méndez Núñez aberta no mesmo claustro.  

‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao museo’ introdúcenos no gabinete de coleccionista de Ricardo Blanco Cicerón, que entre finais do século XIX e principios do XX atesourou unha vasta colección de obxectos, entre os cales destacan as xoias protohistóricas, con torques, diademas e aneis; machadas de bronce; moedas; medallas; documentos medievais e outras moitas pezas de diversas épocas. Isto levouno a ser recoñecido como o coleccionista de maior relevancia para a historiografía de Galicia.

Na mostra exhíbense pezas destacadas da colección de Blanco Cicerón, que forman parte do acervo de destacados museos galegos e nacionais. As pezas expostas inclúen mobiliario e outras artes decorativas, aparellos relacionados coa numismática, fotografías, pinturas e publicacións, procedentes do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo do Pobo Galego, o Museo das Peregrinacións, o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, coleccionistas particulares e os fondos do propio Museo de Pontevedra.

A maioría das pezas presentes na exposición nunca foran expostas antes. Entre as que se poderán ver agora no claustro do Edificio Sarmiento destacan, por exemplo, varios mobles monetarios; un grafoscopio monoestereoscópico, que se empregaba como lente de aumento; unha escolma de entalles e camafeos; os baleirados en xeso das columnas de San Paio de Antealtares que se atopan actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional; o raro Libro da Confraría do Cirial de San Ildefonso ou de Cambiadores da Catedral de Santiago (1429-1548), pertencente a un dos gremios máis antigos de Santiago de Compostela; así como varios lenzos de grande interese e exemplos da vastísima colección de medallas e moedas de Ricardo Blanco Cicerón que actualmente se conservan no Museo de Pontevedra.

Casto Méndez Núñez

Tamén remata o domingo a instalación temporal que mostra unha pequena escolma dos amplos fondos do Museo vinculados ao navegante Casto Méndez Núñez. Trátase tanto de obxectos e documentos persoais que lle pertenceron como esculturas e pinturas que reflicten a popularidade que acadou e a transcendencia social do combate de El Callao (Perú), que lle deu sona. A maior parte dos fondos que se mostrarán exhibíronse ata 2013 no edificio García Flórez, na sala que recreaba o seu despacho e na reconstrución da cámara da fragata blindada Numancia. A eles hai que engadir outros conservados nas salas de reserva e os que forman parte dos fondos documentais.

Inclúense nesta escolma diarios de navegación nos que anotou as vicisitudes das singraduras en diferentes buques, entre eles a fragata Numancia, e outros documentos; fotografías e obxectos persoais. Tamén se expoñen exemplos que dan conta da súa curiosidade e o seu interese por recoller elementos naturais dos lugares polos que navegaba: buguinas, cunchas, fósiles, minerais e incluso unha caixa con musgos e algas que se cre que Méndez Núñez arrincou do casco da fragata Numancia unha vez concluída a volta ao mundo. Tamén obxectos doutras culturas, como unha alxaba con frechas e unha culler cunha figura tallada, ambos procedentes de Filipinas. Na instalación ocupa unha posición central a maqueta da fragata Numancia, un modelo de 3,10 metros de longo e 1,80 metros de alto contemporáneo da construción entre 1862 e 1864 do que foi un dos barcos máis grandes do seu tempo e o primeiro acoirazado en dar a volta ao mundo.

Galerias de imaxes