Luis López destaca o investimento de 350.000 euros da Deputación para mellor a mobilidade peonil en dúas estradas provinciais nas Neves
O presidente provincial, acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, comproba o remate das obras e resalta o cumprimento do Goberno provincial coas súas obrigas en materia de mantemento da rede viaria
18/04/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo de exemplo as obras de mellora da mobilidade peonil en dúas estradas da rede provincial no Concello das Neves, froito da colaboración entre as administracións provincial e local e que supuxo o investimento de preto de 350.000 euros por parte da Deputación. Unha obra que supón unha nova mostra do compromiso do executivo supramunicipal coa modernización e mellora da seguridade viaria nas estradas provinciais. “Son obras que lle dan sentido á acción de goberno da Deputación e do Concello das Neves porque estamos cumprindo coa nosa responsabilidade coa mellora da seguridade viaria e peonil”, sinalou o mandatario provincial durante unha visita na que estivo acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, e o alcalde José Manuel Alfonso.
As actuacións, que son froito de dous convenios entre as administracións provincial e local, serviron para favorecer a mobilidade peonil nestas dúas vías co incremento da seguridade e coa mellora dos servizos. No caso da EP-4006, entre Ponteareas e As Neves, a obra serviu para acondicionar un treito de 500 metros a través do aumento do ancho da beirarrúa, a renovación do pavimento, a instalación de nova sinalización vertical e horizontal, a renovación das redes de pluviais e da rede eléctrica, a plantación de novas árbores e a instalación dunha nova marquesiña de autobús. O investimento nesta obra, que se completou en seis meses, acadou os 250.000 euros, dos que a Deputación achegou o 80 %, uns 206.00 euros. Do mesmo xeito, xa está rematada a mellora dun treito de 550 metros da EP-4202 entre As Neves e A Estación cun investimento de 170.000 euros, dos que a Deputación achegou 141.600, o 80 % do total.
O titular do Goberno provincial destacou que con actuacións deste tipo, á que se une a que está en marcha en Cerdedo-Cotobade e que Luis López visitou o pasado venres, se pon de manifesto que a Deputación está a cumprir coa súa responsabilidade de garantir o bo estado e a seguridade viaria das estradas provinciais, accións que contrastan coa falta de mantemento que padecen a rede de estradas nacionais que atravesan a provincia.
Neste sentido, López puxo en valor a vocación municipalista da Deputación, que é compartida co rexedor das Neves, a quen o dirixente provincial felicitou polo labor que leva facendo desde o seu nomeamento como alcalde despois das últimas eleccións municipais. “Quero darlle os parabéns porque en pouco tempo está sendo quen de poñer en marcha os proxectos transformadores que precisan concellos das características das Neves, e sempre desde o municipalismo”, subliñou o dirixente. O presidente recordou tamén a importancia que tan para concellos coma o das Neves o apoio da Deputación. “Estamos para axudar e proporcionar os mimbres necesarios para executar eses proxectos”, concluíu Luis López.
Así mesmo, cómpre lembrar que no último Pleno a Deputación aprobou o inicio do expediente de contratación para o servizo de mantemento e conservación das estradas municipais. Un contrato que terá unha vixencia de cinco anos e un importe total de 38,9 millóns de euros, co que o Goberno provincial cumpre coas súas competencias de manter as estradas da súa titularidade no mellor estado posible.